Plex Cloud deixará de funcionar con Amazon Drive

venres, 16 de decembro do 2016 Marcus Fernández

Hai un par de semanas dende Plex realizaron importantes anuncios, como que o servizo Plex Cloud ampliaba os servizos en liña compatibles (incorporando a Google Drive, Dropbox e OneDrive) e ofrecía en primicia aos usuarios de Plex Pass un engadido en probas que permitía gozar de Plex dende Kodi, cunha nova interface que, de ser ben recibida sería a que irían adoptando o resto de versión deste xestor e reprodutor de contidos multimedia, e agora sorprende con anuncios en ambos ámbitos, de xeito que ofrecen unha de area e outra de cal.
A boa nova por parte de Plex é que o engadido para Kodi deixa de ser un produto restrinxido a un grupo reducido de usuario para converterse nun engadido oficial que xa pode instalarse con facilidade, e que presenta un xeito novo de gozar de Plex que resulta moi cómodo e agradable, e curiosamente funciona mellor que, por exemplo, o cliente oficial de Plex para Android TV, de xeito que resulta moi axeitado precisamente para os posuidores de dispositivos que funcionen con tal sistema operativo.

Adeus a Amazon Drive

As novas relativas a Plex Cloud xa non resultan tan agradables, e veñen a confirmar que nos últimos meses tiveron moitos problemas para conseguir integrar axeitadamente este novo servizo en Amazon Drive e, de feito, dende Plex decidiron tirar a toalla por resultar desproporcionados os esforzos que tiñan que facer para adaptar o seu novo servizo á nube de Amazon. Plex Cloud deixará de funcionar con Amazon Drive o 31 de decembro, e decidiron avisar agora porque aínda non pasaron 3 meses dende a apertura da beta de Plex Cloud, de xeito que os usuarios que querían contratar este servizo e para iso contrataron Amazon Drive aínda non consumiron os 3 meses de balde que se ofrece a xeito de proba, ou sexa, que evitan que realicen o pagamento de 70 euros/ano para un servizo de almacenamento que probablemente non resulte de interese (cando menos para o almacenamento masivo de contidos multimedia).
Aínda que o abandono de Amazon Drive non supoña un prexuízo económico para os usuarios de Plex Cloud, si é unha importante molestia, xa que moitos usuarios estiveron subindo contidos a Amazon Drive durante semanas e agora atopan que tal esforzo non serviu para nada, e precisamente por iso nos foros de Plex ofrecen información sobre solucións cómodas para migrar contidos dun servizo na nube a outro.

Vídeo promocional do engadido de Plex para Kodi

PUBLICIDADE