Pluto TV ofrecerá en España 40 canles televisivas de balde con publicidade

xoves, 8 de outubro do 2020 Marcus Fernández

Unha das grandes sorpresas da xornada foi a nova publicada en primicia por Variety na que daban conta dun acordo entre Movistar+ para o lanzamento de Pluto TV en España, Francia e Italia. A plataforma de vídeo baixo demanda con publicidade de ViacomCBS chegaría a España a finais do presente mes, mentres que en Francia e Italia deixaría o seu desembarco para primeiros do ano que vén.
Dende Variety detallan que os servizos de streaming con publicidade son complicados de manter en Europa xa que existe unha grande fragmentación de mercado, e precisamente por iso ViacomCBS chegou a un acordo con Movistar+, que non sería unha plataforma tecnolóxica, senón que limitaríase a ser unha socia na venda de publicidade.
Pluto TV ofrecerá 40 canles temáticas e milleiros de horas de contidos de xéneros moi distintos, como películas, series, realities, contidos para nenos, comedia... para o que contan con máis de 20 socios españois como All3Media, Banijay, Fremantle e Lionsgate, de xeito que contaremos con diferentes canles temáticas con películas e incluso series icónicas como Ana y los 7, Curro Jiménez ou Andrómeda.
Os contidos de Pluto TV serán de balde con publicidade, e aínda que comecen con 40 canles, a súa intención é chegar ao cento de canle antes de rematar o ano que vén.
Para ver os contidos de Pluto TV precisamos dun navegador web ou de aplicacións para Android, Android TV, iPhone, Apple TV ou Amazon Fire TV, ou sexa, nas principais plataformas coa excepción do Smart TV das grandes marcas (Samsung e LG) e consolas de videoxogos, limitación que non parece preocupar a esta plataforma que xa leva bastante tempo operando noutros mercados.