Pobra de Trives achega un obradoiro para afianzar aos seus maiores no uso do WhatsApp

luns, 30 de outubro do 2017 Redacción

O Concello de Pobra de Trives está a organizar unha actividade directamente encamiñada a conseguir que os veciños estean mellor comunicados entre eles e co mundo, ao tempo que incrementan as súas posibilidades de lecer e mesmo de envellecemento activo (pola vía das TIC). O Curso de WhatsApp para Adultos vaise desenvolver entre o 13 e o 15 de novembro pola tarde, na sala de reunións do edificio novo do Concello. Segundo informa o Goberno local, ten a súa orixe na importancia das novas ferramentas dixitais para comunicármonos co mundo actual, facendo fincapé en recursos como o correo electrónico, o chat, as redes sociais e, por suposto, o servizo WhatsApp de mensaxes instantáneas.
“Internet proporciónanos unha mellor calidade de vida e é unha oportunidade para vencer o illamento nos máis maiores”, explican fontes do Concello ourensán sobre as razóns que xustifican o obradoiro, engadindo a necesidade de facer fincapé no feito de que as persoas tamén viven no mundo e “deben adaptarse para que a propia tecnoloxía non os desterre da sociedade”. A organización do curso tamén quere desmentir a falsa crenza de que as persoas de idade non estean capacitadas xa para manexar tecnoloxías. En definitiva, os obxectivos do taller son ensinar a tirar proveito do WhatsApp, achegar aos participantes as vantaxes de chatear e estar cun contacto máis estreito con amigos e familiares e, tamén, introducir nas súas vidas un elemento de actualización. As inscricións, engade o Concello, deberán facerse na Oficina de Turismo antes do 8 de novembro.

PUBLICIDADE