Poñen á venda na India un smartphone con Firefox OS por só 1.999 rupias (25 euros)

martes, 26 de agosto do 2014 Marcus Fernández

Mentres o mercado da telefonía móbil parece monopolizado por Android, dende Firefox queren que tal tecnoloxía sexa aínda máis económica e aberta, polo que levan anos traballando en Firefox OS, un sistema operativo móbil baseado en tecnoloxías web que fai moi libre o desenvolvemento de aplicacións e que está a dar tímidos pasos en países en vías de desenvolvemento, nos que poderían ter interesantes oportunidades grazas a dispositivos como o Index Cloud FX, terminais que esta semana poñen á venda por 1.999 rupias (25 euros) a través de Snapdeal.com.
Temos así que Firefox OS fai posible vender un smartphone a prezo dun terminal móbil básico, aínda que para iso ofrece unhas prestacións moi limitadas, xa que funciona cun procesador a 1 GHz, con 128 Mb de RAM, 256 Mb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria de até 4 Gb), pantalla de 3,5 polgadas, dobre SIM, Wi-Fi, Bluetooth e cámara traseira de 2 Mpíxeles, esquecendo detalles que en Europa poderiamos dar por supostos como a conectividade 3G.
Comercializar o smartphone máis barato da India pode democratizar o acceso á tecnoloxía, e aínda que esteamos ante un dispositivo que resulta inaceptable para un usuario europeo, é un bo xeito de facilitar que os cidadáns de países en vías de desenvolvemento poidan introducirse aos servizos dixitais que resultan cruciais para avanzar na sociedade global.

PUBLICIDADE