Pontevedra rende homenaxe ás súas mulleres anónimas na historia cunha nova web
venres, 21 de decembro do 2018
O
Concello de Pontevedra presentou hoxe unha nova iniciativa para
contrarrestar, na Rede e máis nas contornas offline, a
sobrepresenza do masculino nos traballos de pescuda histórica local.
Estamos
a falar da web do programa A Memoria das Mulleres: o
chimpo definitivo á Rede dunha iniciativa do Goberno municipal que
xurdiu para mostrar mulleres esquecidas de Pontevedra e a súa
contorna, as grandes heroínas anónimas do progreso social,
cultural, laboral e económico do concello. A páxina
www.dogrisaovioleta.gal
inclúe 130 biografías, 21 artigos, máis de 200 fotos, unha ducia
de vídeos e 3 roteiros auto-executábeis.
O
fondo documental da páxina, ademais, fai un pormenorizado, emotivo e
relevante repaso biográfico pola vida de medio milleiro de
pontevedresas, mulleres todas “esquecidas da vida social, económica
ou cultural da Boa Vila e que hoxe adquiren un maior protagonismo
grazas a esta iniciativa”, segundo sinalou o concelleiro de Memoria
Histórica, Luís Bará.
A
web, explicou, é o resultado dun proceso de “investigación,
divulgación e homenaxe” dun produto que naceu hai 5 anos para
“reparar o esquecemento e recoñecer o protagonismo das mulleres na
vida de Pontevedra”. As biografías artéllanse en tres vertentes:
mulleres da clase traballadora, as mulleres pioneiras e as que
sofreron a represión, todas elas indexadas para un uso máis doado e
unha mellor localización.