Pontevedra será sede dun evento mundial para a creación de servizos públicos innovadores: Global GovJam
luns, 2 de xuño do 2014
- Participantes na anterior edición da xuntanza celebrada en Pontevedra
Pontevedra vai ser a sede
dun encontro mundial inserido nas tendencias actuais (participativas)
das cidades intelixentes (smart cities) e a eAdministración.
Trátase de Ponte GovJam, unha
iniciativa a desenvolver ao abeiro de Global
GovJam, encontro mundial dirixido a cidadáns, funcionarios
públicos e especialistas en innovación co obxectivo de deseñar e
dar forma a diversos prototipos de novos servizos públicos nun prazo
limitado de 48 horas. O evento en cuestión celébrase de xeito
simultáneo en case medio centenar do países. A cita será o 7 de
xuño. O reto a superar, comunicado o día anterior, será un reto
común. Trátase de desenvolver pequenos equipos para construír
solucións creativas e vangardistas que resolvan “os desafíos aos
que se enfronta o sector público”.
A primeira experiencia
piloto, informan os organizadores do certame, foi levada a cabo no
ano 2012 polo Goberno australiano en colaboración coa empresa alemá
Work Play Experience, contando coa participación de máis de 30
cidades en 5 continentes e da que xurdiron máis de 120 proxectos e
prototipos. Os países que participarán nesta edición por agora
son: Brasil, Canadá, Chile, Colombia, Alemaña, Singapur, España,
Corea do Sur, Suíza, Taiwan, Dubai, Gran Bretaña e Estados Unidos.
Os obxectivos da xornada
son “potenciar a capacidade creativa para a resolución dun reto
común aplicando ferramentas enfocadas a fomentar a innovación nas
administracións e no sector público; adquirir coñecementos sobre
novas tecnoloxías e metodoloxías relacionadas coa innovación nas
organizacións dunha forma divertida, motivadora e estimulante;
fomentar o traballo en equipo e o networking entre
profesionais; e xerar servizos e construír prototipos”.
Trátase da segunda vez
que o evento se celebra en Pontevedra (o mes de marzo), e para os que
queiran facerse unha idea de en que consiste exactamente, dicirlles
que na web da xuntanza hai un vídeo
habilitado na Rede a xeito de crónica.
A actividade está
dirixida a 30 asistentes, sen límite de idade. A participación está
aberta a todos os interesados no deseño de servizos, cidadáns,
funcionarios públicos e especialistas en innovación. Non se require
experiencia no sector público. O encontro será o vindeiro 7 de xuño
de 2014 en Espazo Arroelo, empresa organizadora da experiencia en
Pontevedra. Arroelo é un acubillo de coworking xestionado por
María Pierres e África Rodríguez que nace co fin de dar resposta á
demanda dun lugar común de traballo para autónomos e PEME. Arroelo
púxose en marcha en 2013 e actualmente ao redor de 36 persoas
co-traballan nel. Ofrece aos participantes o espazo, materiais e o
apoio dunha serie de profesionais de apoio con experiencia no
desenvolvemento de proxectos, como son Pablo López, Raquel Pedrouso,
José Romero Crusat, Diego Parajó e Roberto Pérez Marijuan,
expertos en desenvolvemento de proxectos e adestramento. No
desenvolvemento do encontro participan como colaboradoras as empresas
que forman parte de Espazo Arroelo: Sofía Martínez ReY, Lucía
Rodríguez, Les Siamoises, O Espello Máxico Producións, Al Lío,
Elefantes de Cacharrería, Til Diacrítico, Comunicamos, Zoraida
Ferreras e Pepinho Quintela.