Porco Bravú leva un dos seus proxectos a Infomix

luns, 22 de xaneiro do 2018 Redacción

Algúns dos participantes na curtametraxe durante a súa estrea no Fórum Metropolitano

O Comediante, curtametraxe da produtora galega Porco Bravú, vén de estrearse en exclusiva na canle de televisión en liña Infomix, a pioneira plataforma tecnolóxica de vídeo baixo demanda adicada a impulsar o novo talento audiovisual dos creadores do ámbito estatal. A peza, dirixida e producida por Óscar Cruz, dá o chimpo a Infomix cos mellores precedentes: o éxito de público na súa estrea o pasado ano no Fórum Metropolitano da Coruña. Agora, grazas á súa inclusión na plataforma poderá verse sen pequenas ataduras propias dun certame audiovisual, coas súas datas e os seus espazos propios de proxección, ou sexa, “a calquera hora e dende calquera lugar”.
O argumento xira arredor de Óscar, un mozo de 26 anos que soña con ser cómico, que está só, que vén de ser abandonado pola súa moza e que ten o único apoio moral de dous amigos, Julio e Julio. Máis adiante decidirá presentarase a un concurso de monólogos co material que leva preparando durante anos. Con todo, a tres días da cita recibe unha chamada da súa ex informándoo de que estará unha noite en Coruña, a mesma noite do concurso.
Infomix, como lembraremos, pasa por ser a primeira canle española de televisión en liña que impulsa o talento novo audiovisual, con variedade de contido á carta de produción propia e externa. O proxecto nace en 2014 por “mor da carencia de formación práctica que actualmente existe nas aulas universitarias de Comunicación (Xornalismo, Comunicación Audiovisual e Publicidade)” e pola “pouca difusión que teñen as obras audiovisuais realizadas por mozos creadores”. Infomix aposta polas ideas innovadoras e os seus programas céntranse no contido snack (doado de consumir e en calquera recanto) e evergreen (sen data de caducidade). Infomix contou, a longo do seu proceso de materialización, co apoio de Think Big de Fundación Telefónica, o programa Yuzz de Santander Universidades, o micromecenado de Ron Ritual e o apoio da Escola de Organización Industrial (EOI), entre outros.

PUBLICIDADE