Premiadas as mozas galegas desenvolvedoras da plataforma AWY, Always with you

venres, 24 de abril do 2026 S. P.

As novas tecnológas responsables da plataforma AWY, Always with you veñen de obter un importante recoñecemento estatal de mans da APTE. Trátase dunha aplicación que permite rexistrar o estado de ánimo e medir os niveis de estrés, ao tempo que propón técnicas de regulación emocional.
Foi a proposta seleccionada por Tecnópole para participar no certame Propostas Innovadoras aos Retos para o Desenvolvemento Sostible.
No marco de Ciencia e Tecnoloxía en Feminino, Tecnópole celebrou unhas xornadas dirixidas a estudantes de 1º a 4º da ESO e aos últimos cursos de Primaria. Entre as actividades propostas, realizouse un obradoiro para presentar ás rapazas e rapaces problemáticas vencelladas ao Obxectivo de Desenvolvemento Sostible nº 3 que expón a Axenda 2030 de Nacións Unidas, centrado na saúde e o benestar.
A finalidade desta actividade era que desenvolveran un proxecto como solución a problemas concretos e actuais ligados á saúde. O alumnado traballou por grupos nos seus respectivos centros e enviaron a súa proposta a Tecnópole, de xeito que a solución elixida entrou a participar no concurso nacional Propostas Innovadoras aos Retos para o Desenvolvemento Sostible impulsado por APTE.
O proxecto seleccionado por Tecnópole foi elixido entre os tres finalistas neste certame e finalmente resultou gañador. A entrega de premios tivo lugar nun evento celebrado no Parque Científico de la Universidad Miguel Hernández de Elche.
As creadoras da proposta son Aitana Martínez, Candela Rodríguez, Isadora Freita e Valeria Guillén, alumnas de 4º curso da ESO do Colexio Santo Ángel de Ourense.
As rapazas partiron da realidade de que en España 4,4 millóns de persoas exercen coidados informais a familiares dependentes ou enfermos. Ademais, o 12% da poboación ocupada entre 18 e 64 anos combina o emprego e o coidado familiar, e un 40% da mesma presenta niveis elevados de ansiedade. A pesar de que esta situación impacta na saúde mental e no rendemento profesional dos traballadores, as alumnas salientan que soe ficar invisibilizada dentro da contorna laboral.
Ante estes datos, as rapazas desenvolveron AWY, Always with you, unha plataforma de apoio emocional dirixida especificamente a coidadores profesionais. O seu obxectivo é detectar niveis de sobrecarga antes de que a situación empeore. Así, deseñaron un prototipo que permite rexistrar o estado de ánimo e medir os niveis de estrés, ao tempo que propón técnicas de regulación emocional.