Presentado en Expourense o proxecto galego-portugués Digital Expo
martes, 10 de marzo do 2026
Expourense acolleu este martes 10 de marzo a primeira reunión de socios do proxecto Digital Expo, unha iniciativa de cooperación transfronteiriza orientada á modernización e transformación dixital dos recintos feirais e centros expositivos da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal.
Na cita participaron, entre outros/as, o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo. Tamén representantes das seis entidades promotoras da iniciativa: un consorcio liderado pola Xunta de Galicia e no que tamén participan Expourense, a Universidade de Vigo, a Cámara Municipal de Viana do Castelo, a Cámara Municipal de Ponte de Lima e a Cámara Municipal de Arcos de Valdevez.
Durante a xornada abordouse a planificación inicial das actividades e o calendario de traballo para os próximos meses.
O encontro técnico marcou o inicio da coordinación operativa do proxecto, tras a súa aprobación no marco da 6ª convocatoria do programa Interreg POCTEP (España–Portugal).
Digital Expo conta cun orzamento total de máis de 1 millón de euros e desenvolverase ata o 31 de decembro de 2027. A súa posta en marcha permitirá impulsar a dixitalización do sector feiral mediante a incorporación de tecnoloxías avanzadas que melloren a xestión dos eventos e a experiencia de expositores e visitantes, ao tempo que reforzan o papel destes espazos como motores de innovación, transferencia de coñecemento e dinamización económica, especialmente para as pequenas e medianas empresas da Eurorrexión.
Gabriel Alén subliñou “a oportunidade que supón este proxecto para potenciar os recintos feirais en liña cos propios obxectivos do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, que tamén aposta por impulsar o traballo conxunto dos recintos feirais galegos”.
Entre as principais actuacións previstas inclúense a creación dunha rede transfronteiriza para analizar o potencial de dixitalización dos recintos feirais, a posta en marcha dun hub demostrativo de innovación, o desenvolvemento de pilotos tecnolóxicos baseados en ferramentas como a intelixencia artificial, os xemelgos dixitais ou a realidade virtual e aumentada, así como accións de formación, transferencia de coñecemento e promoción dixital dirixidas ao tecido empresarial.
