Presentan a nova web de Cultura e Educación e máis a do Sistema Galego de Museos

mércores, 9 de xullo do 2014 Redacción

Este mércores foron dadas a coñecer de xeito oficial as novas web da Consellería de Cultura e Educación, cultura.xunta.es e museos.xunta.es. Na presentación das páxinas participou o responsable do devandito departamento autonómico, Xesús Vázquez, acompañado da directora da Axencia para a Modernización de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira. A primeira das webs, fixeron saber, é a canle de comunicación principal de Cultura e Educación. Entre outras cousas, porá en mans dos usuarios unha axenda personalizada con toda a actividade cultural da Xunta, deseñada para acceder desde o ordenador, o teléfono ou a tablet, e aberta a outras entidades e institucións para configurar “a futura gran bitácora cultural de Galicia”.
Segundo comentou o conselleiro, a web salienta en primeiro lugar polo seu nivel amplo de uso e compatibilidade, amosando “unha estrutura informativa o máis clara e intuitiva posible para o cidadán, de maneira que non precise coñecer de antemán o artellamento administrativo do departamento, senón que poida dar co que busca a nivel temático cunha navegación áxil”. O portal pon en xogo unha serie de microsites específicos como Espazo Europa (información detallada dos programas europeos no ámbito creativo) ou a Axenda, unha ferramenta para que a cidadanía coñeza a ampla oferta cultural.
Polo que respecta a museos.xunta.es, trátase do portal do Sistema Galego de Museos (MUGA), “unha plataforma de comunicación que pretende recoller toda a información sobre o traballo desenvolvido e as actividades realizadas polos nosos Museos, amais de ofrecer novidades no deseño como visitas virtuais”. A ferramenta en cuestión, explicouse, responde a unha “necesidade longamente demandada polos profesionais e os visitantes das institucións expositivas galegas”. A web ofrécese en tres idiomas (galego, castelán e inglés) e procura trasladar “unha imaxe atractiva destes centros culturais”. Inclúense ao seu abeiro o Museo das Peregrinacións de Santiago, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, o Museo de Belas Artes da Coruña, o Museo Etnolóxico de Ribadavia, o Museo Massó, o Museo do Castro de Viladonga, o Museo Etnográfico do Cebreiro (Pedrafita do Cebreiro. Lugo), o Museo Pedagóxico de Galicia (Santiago de Compostela), o Centro Galego de Arte Contemporánea e o Museo do Mar de Galicia.
Na presentación tamén se fixo saber que os ditos sitios web son froito dunha colaboración estreita entre a Consellería e AMTEGA, “unha tarefa planificada e desenvolvida de xeito coordinado entre ambos os departamentos que hoxe ve a luz, adaptada ás necesidades dunha mellor información e servizo público, e conforme ás políticas transversais corporativas da Xunta de Galicia”, informaron Vázquez e Pereira. Segundo engadiu a titular de AMTEGA, “os novos portais presentados hoxe cumpren o dobre obxectivo de facilitar e axilizar o acceso da cidadanía á información e aos servizos que a Administración pública pon á súa disposición”.