Preto de 10.000 usuarios visitaron máis de 168.000 páxinas do bUSCatermos en 2020

mércores, 20 de xaneiro do 2021 Redacción

Usuaria da base de datos terminolóxica da USC, nunha imaxe de Santi Alvite

A Universidade de Santiago fixo balance da actividade xerada pola ferramenta bUSCatermos, a base de datos terminolóxica da USC, ao longo do ano que vimos de deixar atrás. Segundo se fai saber no reconto, o servizo recibiu en 2020 a visita de 9.375 usuarios que chegaron a ver un total de 168.017 páxinas, o que supón un incremento do 24,74% con respecto a 2019, ano no que foron vistas un total de 134.692 páxinas.
Como lembraremos, bUSCatermos permite consultar a información recollida en máis de 165.000 rexistros, que se centran na terminoloxía galega, pero recollen tamén información doutras moitas linguas como é o caso do español, portugués, inglés ou francés, entre outras. Ao fío disto, a USC recorda que as páxinas máis vistas ao longo do ano pasado foron as correspondentes aos seguintes termos: agachamento, COVID-19, acaparamento, gromo, PCR, onfalite, ivermectina, zoonose, axeusia e lavado broncoalveolar.
Con respecto a 2019, o número de usuarios que accederon ao bUSCatermos en 2020 veuse incrementado en máis dun 3%. Eses usuarios e usuarias accederon á base de datos a través dun total de 43.681 sesións de consulta, o que implica un incremento de máis do 24% en 2020 con respecto a 2019. Cada sesión de consulta correspóndese co período de tempo continuado durante o cal un usuario interactúa con bUSCatermos.
Segundo lembra a USC, a base de datos está formada a partir da compilación, análise e reelaboración de tres grandes tipos de materiais, que teñen o galego como idioma de referencia ou de traballo. Trátase dos vocabularios e léxicos elaborados polo Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da USC; un conxunto de dicionarios e vocabularios elaborados por outras persoas e colectivos, que se incorporaron coa súa autorización explícita; e os rexistros elaborados no SNL para responder a consultas externas, ou a dúbidas xurdidas na revisión de textos.

PUBLICIDADE