Preto dun cento de empresarios galegos participaron nun obradoiro sobre marketing dixital

xoves, 17 de novembro do 2016 Redacción

JPEG - 145.5 KB
Cristina Hernández, Daniel Miguel e Victoria Barreiro

Preto dun cento de PEME galegas participaron esta tarde nun dos catorce obradoiros formativos presenciais que BBVA e Google están a impartir en diferentes capitais españolas durante 2016. A xornada forma parte do proxecto de Google Activa o teu negocio, no que participa BBVA e cuxo obxectivo é mellorar as capacidades dos empresarios en materias como comercio electrónico, analítica web ou redes sociais.
O obradoiro presencial desta tarde na Coruña compleméntase con 23 módulos en liña, desenvolvidos por expertos en tecnoloxía e competencias dixitais do IAB.
Daniel Miguel, director de Zona de BBVA en Galicia Norte, afirmou que a entidade financeira apoiou este proxecto formativo porque «estamos ante un cambio de comportamento do cliente sen precedentes. O cliente actual é máis esixente e aquelas empresas que estean máis formadas en mercadotecnia en liña poderán adaptarse e ter unha vantaxe competitiva».
Pola súa banda, Cristina Hernández , coordinadora do proxecto Activa o teu Negocio de Google, comentou que «tras os bos resultados alcanzados co programa Actívate, grazas ao que formamos a máis de 150.000 mozos en competencias dixitais e emprendemento, puxemos en marcha Activa o teu Negocio xunto a BBVA para axudar ás pequenas e medianas empresas a optimizar a súa presenza e participación online. A través desta plataforma ofrecemos formación gratuíta presencial e en liña e ensinamos as ferramentas que axudarán aos negocios no seu camiño cara ao éxito dixital».

PUBLICIDADE