Primux Tech empraza o seu notebook 1401 entre os portátiles máis vendidos en Amazon

venres, 28 de abril do 2017 Redacción

Primux Tech, o fabricante galego, vén de informar que o seu notebook 1401, o primeiro trebello das súas características desenvolvido na nosa terra, foi quen de dar o chimpo ao top 10 dos portátiles máis vendidos en Amazon. Este fito, engade a empresa con sede na Tecnópole (o Parque Tecnolóxico de Galicia de San Cibrao das Viñas, Ourense), achega o colofón e o broche de ouro a un ano de escalada do postos do devandito portátil entre os produtos máis vendidos e requiridos da electrónica de consumo. Primux tamén lembra que o notebook 1401 ten a honra, dende o intre do seu lanzamento (a comezos de 2016), de ser non só o primeiro ordenador portátil ultralixeiro deseñado e desenvolvido integramente en Galicia, senón tamén en España.
O portátil está dirixido sobre todo ao uso doméstico e educativo e salienta entre outras cousas polo deseño ultradelgado (20,2 milímetros de grosor) e un peso aproximado de tan só 1.569 gramos, grazas a que incorpora unha pantalla HD de 14,1 polgadas.
Ao seu procesador a 1,84Ghz, que se completa con 2GB de memoria RAM, únense 32 GB de almacenamento interno (ampliábeis cunha tarxeta microSD até chegar aos 64 GB) e unha autonomía de entre 6 e 8 horas.
O director executivo (CEO) da empresa, Daniel Rodríguez, asegura que “a clave do éxito do produto é que se trata dun portátil moi económico (199 euros) e de boa calidade”. Ao longo do mes de maio será presentado o Primux ioxbook 1402L, un novo portátil ultralixeiro que representa a última xeración dos notebooks deseñados en Galicia.

Os equipos de Primux destacan entre o máis vendido en Amazon.es

PUBLICIDADE