Prince rexeita a Rede para distribuir o seu último traballo
martes, 6 de xullo do 2010
O cantante e compositor estadounidense
Prince, un dos primeiros grandes autores en lanzar un álbum por Internet, vén
de novo de saltar á palestra, facendo alarde dos seus bruscos cambios de personalidade,
ao predecir (sospeitosamente) “a fin da
música por Internet” e ao calificar a Rede como “completamente caduca”, poñendo en dúbida servizos tan populares
como a mesma iTunes.
Este recoñecido artista, que paradoxicamente
botou man da Rede para promocionar e distribuír un dos seus anteriores discos,
vai repartir o seu último traballo, titulado 20Ten, en exclusiva de balde cos exemplares do diario Daily Mirror.
Trátase do segundo álbum do controvertido
autor logo de Planet Earth,
distribuído na edición dominical da publicación británica.
Prince prefire, ao parecer, regalar a súa
música antes que distribuíla por Internet (algo que por outra banda tamén se
agradece, sobre todo se o fai de balde), porén considerar a Rede como unha “plataforma en vías de extinción”
comparándoa coa canle de televisión de vídeos musicais MTV é un atrevemento
digno das cabezas máis tolas.
As declaración de Prince, realizadas
ao diario que distribuirá o seu último traballo a finais de mes, veñen de
prender a mecha na Rede ao afirmar que, “non
me pagan por adiantado e logo enfuréncense cando non poden dispor das cancións”.
Este autor, que chegou a acusar xudicialmente
aos seus propios fans de “violar os seus
dereitos de autor” por empregar imaxes súas como avatares, tampouco se leva
ben coas grandes produtoras como a Warner Music (con quen rifou a finais dos
90) co que distribuir de balde os seus discos para intentar xuntar xente para os
concertos, semella a mellor (e única) opción que lle queda ao artista.
