Profesionais da tecnoloxía defenden en Tecnópole as vantaxes de colaborar co mercado asiático

mércores, 31 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

O sector tecnolóxico galego ten moitas posibilidades de crecemento se establece alianzas co exterior, sobre todo co mercado asiático, achegando cada un deles diferentes elos da cadea produtiva (Oriente, máis que nada, labores de fabricación propiamente dita e Galiza deseño, imaxe de marca ou distribución). Esta foi unha das grandes conclusións ás que chegaron os participantes da xornada sobre a internacionalización da tecnoloxía organizada por APD en Tecnópole (Parque Tecnolóxico de Galicia) en Ourense. Porén, houbo outras conclusións que atinxen a problemas máis concretos, como por exemplo esta: non é certo que entre os empresarios de Asia e os de Occidente (neste caso os galegos) exista unha barreira de comunicación coma un muro, non só pola linguaxe, senón tamén por seren culturas ben diferentes.
Na xuntanza participaron (entre outros) o profesor da Escola de Enxeñeiros Industriais da Universidade de Vigo, Juan Manuel López-Varcárcel e o presidente de Blusens, José ramón García. Ó seu xuízo, o feito de que as empresas galegas do sector das novas tecnoloxías e do lecer dixital queiran establecer acordos co mercado asiático non supón deslocalizar aquelas nin achegar postos de traballo noutros países en detrimento de Galiza. Pola contra, fixeron fincapé na crenza de que este proceso trae consigo un valor para a nosa terra de transferencia de coñecemento e innovación e de capital humano cualificado.
A chave, segundo o profesor López-Valcárcel, é superar o “enfoque local”. Ó seu xuízo, “hoxe en día resulta moi doado contactar cun socio do outro lado do planeta e executar proxectos empresarias de xeito conxunto”. Precisamente, esta é unha das estratexias da galega Blusens, que traballa dende Santiago en cuestións coma o deseño, a imaxe de marca, as estratexias de mercado ou a distribución, sendo os seus socios de Oriente os encargados da ensamblaxe dos produtos.