Prometen mellorar a seguridade de Zoom durante os vindeiros 90 días

xoves, 2 de abril do 2020 Marcus Fernández

JPEG - 120.5 KB
Eric S. Yuan participando nunha xuntanza en Zoom

A aplicación de videoconferencias en grupo e presentacións Zoom está na picota polas moitas constatacións de que a compañía que a desenvolveu, pese a asegurar o contrario, tivo un importante desleixo a nivel de seguridade e privacidade, ao que o seu fundador, Eric S. Yuan, respondeu anunciando correccións a varios dos graves fallos de seguridade reportados e o suspensión de todos os traballos de preparación de novas funcionalidades durante 90 días para centrarse na seguridade e corrixir así os moitos problemas que presenta Zoom para non perder completamente a confianza dos usuarios.
Un dos fallos de seguridade que aseguraron corrixir é o xeito no que a aplicación se instala en macOS, que saltaba certas medidas de seguridade do sistema operativo comportándose como malware (o que proxecta unha escura sobre a aplicación); pero continúan moitos problemas sen solucionar, como o Zoombombing, unha práctica que consiste en infiltrarse en xuntanzas de Zoom para sabotalas de distintos xeitos; o expostos que están os datos persoais de moitos usuarios ou incluso a facilidade para realizar war dialing, táctica que emula as chamadas telefónicas robotizadas para conseguir atopar un cento de xuntanzas sen contrasinal á hora de xeito totalmente automático (o que debería levar á reflexión sobre certas decisións de deseño da aplicación).
Tendo en conta que falamos dunha aplicación que durante a pandemia superou os 200 millóns de usuarios diarios non parece razoable ignorar o baixo nivel de seguridade que ten esta plataforma, e o feito de que varias empresas xa prohibisen o seu uso aos seus traballadores semella a antesala dunha traxedia, xa que o obxectivo de Zoom non é chegar a usuarios particulares que empregan a aplicación de balde, senón a empresas que pagan polos seus servizos, algo que dificilmente farán se desconfían da súa seguridade.

PUBLICIDADE