Prosegue o programa divulgativo Das TIC ao ceo cunha charla de Fátiva Davite

luns, 24 de maio do 2021 S. P.

Prosegue estes días o programa Das TIC ao ceo, lanzado polo Centro de Investigación TIC (CITIC) e o Consello Social da Universidade da Coruña, e inaugurado o pasado 22 de abril con motivo do Día Internacional das Nenas nas TIC. O seu obxectivo non é outro que promover vocacións científico-tecnolóxicas entre estudantes de Secundaria e Bacharelato. Este 25 de maio será a quenda da artista de Character FX (CFX) e profesora da UDC, Fátima Davite Aguiar.
Impartirá unha charla online ao alumnado do IES Ortigueira, que estará moderada polo subdirector do CITIC, Javier Pereira.
Fátima Davite é Senior CFX Artist no estudo de animación Skydance Animation en Madrid, onde se encarga de crear os elementos dinámicos do personaxe. Actualmente está a traballar na película Luck, que se estreará en 2022. Anteriormente, traballou en Ilion Animation Studios e en Able&Baker. Algunhas das producións nas que participou son Blush, Wonder Park e Love, Death and Robots (The Dumps). Tamén é profesora na Facultade de Ciencias de Comunicación da UDC.
O programa
No programa Das TIC ao ceo diferentes profesionais de prestixio no ámbito das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), todas graduadas pola Universidade da Coruña, ofrecen charlas a estudantes de centros educativos para achegar a súa experiencia no desenvolvemento da súa carreira profesional. Así, búscase mostrar casos de éxito para servir como referente e fomentar o interese de cara ás disciplinas STEAM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría, arte e matemáticas, polas súas siglas en inglés).
O ciclo desenvolverase ata a finalización do actual curso escolar.

PUBLICIDADE