Proseguen en Pontevedra as xornadas de TICs para empresas que organiza Autónomos de Galicia (OAP)

venres, 9 de novembro do 2007 Fernando Sarasketa

Sobrevivir ou non no mercado empresarial depende en ocasións dunha serie de miúdos detalles que inclinan a balanza ó noso favor, e cada vez son máis as entidades diversas que sinalan que a aposta polas novas tecnoloxías da información vén a ser como asegurar ese movemento da balanza cara a onde nos interesa. Esta é precisamente unha das principais mensaxes que está a lanzar estes días a Federación de Profesionais e Autónomos de Galicia, OAP-Galicia, que segue adiante coa celebración dunhas xornadas de formación sobre comercio electrónico, factura electrónica (estas dúas en colaboración con HOSA) e novas tecnoloxías para as empresas.
Os encontros formativos, que están subvencionados pola Dirección Xeral de Promoción Industrial, desenvolvéronse xa en Marín, Dena, A Guarda, Vigo e Vilagarcía, estando previsto agora o traslado a Pontevedra. Este venres 9 dan comezo as sesións na cidade do Lérez cunha xornada sobre comercio electrónico. O día 16 é a quenda da factura electrónica e o 23 de novembro chega a sesión sobre as novas tecnoloxías nas pemes. Todas as xornadas celebraranse na Academia de Oposicións Paufer, na rúa Campo de la Torre nº 20, de 17:00 a 20:00 horas.
O obxectivo desta oferta formativa é o de ampliar a formación dos traballadores autónomos e as pequenas e medianas empresas no eido das TICs. Todos os cursos potencian a participación de mulleres, cun mínimo de asistencia de mulleres traballadoras do 33%, e asemade a participación dos profesionais maiores de 45 anos.