Pulo europeo para o consorcio de ensino smart no que participa Gradiant
luns, 18 de xullo do 2016
O proxecto IMAILE
(Innovative Methods for Awards Procedures of ICT Learning in
Europe), é unha iniciativa innovadora financiada co apoio do VII
Programa Marco da Comisión Europea que se está a coordinar dende a
cidade Halmstad (Suecia) e que achega recursos de utilidade a catro
países en materia de PCP (contratación precomercial, un mecanismo
semellante, con reservas, ao da compra pública innovadora). O
instrumento PCP estalles a servir a estes catro países para
estimular innovación en cooperación coa industria TIC europea, os
Centros Tecnolóxicos e de investigación, e as PEME. O obxectivo de
IMAILE é identificar novas tecnoloxías e servizos que aborden o
reto de proporcionar a vindeira xeración de novas contornas de
aprendizaxe (contornas PLE,
polas súas siglas en inglés Personal
Learning Environment) no ensino primario e secundario
dentro das contornas das disciplinas STEM (Ciencias, Matemáticas,
Enxeñarías e Tecnoloxía). Así
nolo conta o Centro Tecnolóxico Gradiant, cuxa plataforma AMIGO foi
seleccionada como unha das catro propostas gañadoras da fase 2 de
IMAILE.
O proxecto IMAILE, por
certo, artellará o proceso de selección en tres fases, ao remate
das cales obteranse catro prototipos, dous dos cales empregaranse nun
piloto a gran escala con profesores e estudantes dos catro países
involucrados. O papel desenvolvido neste proceso pola plataforma
AMIGO (Smart STEM Learning Ecosystem) está a ser moi
salientábel, xa que non só foi elixida como unha das catro
propostas gañadoras da fase 2, senón que resultou ser a proposta
que obtivo a mellor puntuación entre todas as escolmadas. AMIGO,
como lembraremos, é unha iniciativa presentada polo consorcio
integrado por Edebé (editorial educativa), MyDocumenta (PEME
innovadora de Barcelona que desenvolve software e contidos multimedia
educativos) e o centro galego Gradiant.
AMIGO ten como obxectivo
desenvolver unha contorna de inmersión que proporcione ás escolas
de primaria e secundaria un enfoque de aprendizaxe centrada no
estudante. Segundo informa Gradiant, AMIGO integra seis módulos
(STEM Enriched Dynamic Profile, STEM Persoal Learning Environment,
Authoring Tool, STEM Social Network, Learning Chart and Analytics,
and Life-Long Learning ePortfolio) desde un punto de vista visual
e funcional. E engade: “AMIGO ten como finalidade proporcionar un
ecosistema integral que supón a vindeira xeración en canto a
contornas persoais de aprendizaxe para as disciplinas STEM, incluíndo
múltiples funcionalidades diferentes destinadas a aumentar a
motivación dos estudantes para aprender estas materias e a mellora
dos resultados do ensino mediante a adaptación do ensino ás
necesidades dos estudantes”.
IMAILE, pioneiro en Europea
IMAILE é o primeiro proxecto a nivel europeo que aborda a aplicación das novas tecnoloxías da información no eido do ensino e a aprendizaxe electrónica, tanto desde o punto de vista da demanda como desde o da oferta. De feito, IMAILE establece unha canle de diálogo entre ambas as partes, o que lle permite centrarse nas necesidades reais dos usuarios finais (escolas, profesores e estudantes), dotándoos das ferramentas que precisan para, en palabras de Gradiant, “levar as aulas ao século XXI”.
Máis sobre AMIGO
O proxecto AMIGO (smArt
steM learnInG ecOsystem) é un proxecto conxunto entre Edebé
(editorial que lidera o proxecto), MyDocumenta (empresa catalá de
creación multimedia) e Gradiant (Centro Tecnolóxico TIC de
referencia de Galicia), que desenvolve unha nova solución TIC no
sector educativo, abordando a necesidade de ofrecer ás escolas
europeas, profesores e estudantes unha formación apoiada en
solucións/servizos TIC para a aplicación de contornas
personalizadas de aprendizaxe (PLE).
Segundo informa Gradiant,
AMIGO non só se revela como unha solución completa que abrangue
todo o proceso do ensino/aprendizaxe, senón que tamén salienta como
un ecosistema que ofrece unha capa de intelixencia “nunca vista no
pasado”, que mediante a análise de enormes cantidades de datos
sobre o desempeño de alumnos e profesores, ofrece recomendacións e
información para facilitar todo o proceso de aprendizaxe das
materias STEM.
AMIGO, deste xeito,
“ofrece un conxunto de ferramentas atractivo que realza o interese
de estudantes e profesores polas materias STEM, co fin de acadar o
proceso de ensino dunha maneira entretida”, explica o centro
tecnolóxico galego, que tamén salienta que o proxecto é o
resultado da combinación de tres entidades e que cada unha delas
achega os seus desenvolvementos e experiencia ao produto final. Desta
maneira, Edebé subministra o seu enorme catálogo de material
educativo e o seu sistema PLE, MyDocumenta proporciona o seu
ePortfolio e a súa Plataforma de Autoría, e Gradiant, pola súa
banda, integra en AMIGO o seu sistema de análise avanzada de datos
para eLearning (aprendizaxe a distancia) sobre este contido,
“logrando así fornecer unha capa de intelixencia que facilita a
toma de decisións dos docentes sobre o itinerario a seguir polos
alumnos”.