Pulseira Wi-Fi para saber o emprazamento exacto de quen a carrexa

luns, 19 de outubro do 2009 Fernando Sarasketa

A ciencia ficción avanza moito, e en ocasións cara ao presente. Exemplos disto hai moitos, pero non todos achegan a impresión visual da pulseira T301W da que se fala estes días na Rede, un aparello que entre outras cousas subministra a localización exacta do portador, en todo intre e coas mínimas marxes de inexactitude que brindan as novas tecnoloxías de acceso á información sen fíos. Máis polo miúdo, trátase dun novo chanzo nos sistemas de rastrexo de persoas, até o de agora ligados de xeito inevitable aos chips subcutáneos que obrigaban a intervencións quirúrxicas e, sobre todo, a pouca marxe de manobra para a liberdade de deixalo.
A pulseira WiFi, tendo en conta a súa condición de trebello externo, tería outras finalidades cás devanditas, sendo as súas características moi útiles para centros hospitalarios, viaxes ou espazos de lecer e aventura. En definitiva: para lugares e situacións onde sexa imprescindible saber onde están as persoas ao cargo de outras.
Tamén se albisca como un aparello útil e de gran potencial para traballos onde as condicións de seguridade non sexan as máis óptimas, como por exemplo na construción ou, sobre todo, nas minas. A pulseira en cuestión, ademais de permitirnos saber a posición exacta da persoa que a carrexa, achega un servizo de emerxencias con alarma e vibración que informa á rede en caso de urxencia. O seu prezo aproximado é de 40 euros. A empresa responsable do seu desenvolvemento é a firma Ekahau.

PUBLICIDADE