PuntoGal e AGPI colaborarán a prol do uso do dominio galego entre os ilustradores galegos

xoves, 9 de abril do 2026 S. P.

Os presidentes de PuntoGal, Manuel González González e da Asociación Galega de Profesionais Ilustración, AGPI, Laura Romero, asinaron un convenio de colaboración mediante o cal a AGPI se compromete promover a utilización do dominio a través dos seus órganos de expresión e dar cobertura ás actividades realizadas por PuntoGal. Grazas a este acordo, os socios de AGPI poderán obter un dominio .gal a prezos reducidos. A sinatura realizouse de xeito telemático.
PuntoGal, que supera os 7650 dominios, busca “acompañar ás iniciativas que, coma esta, facilitan e promoven a creación de contidos en galego, e que aportan á rede unha visión da diversidade e riqueza da creación na nosa lingua", en palabras do director xeral da PuntoGal, Darío Janeiro, que engadiu que “as alianzas son sempre un xeito de incrementar o valor e a relevancia das iniciativas de comunicación, nun momento en que parece que a predominancia é das plataformas e non dos creadores ou dos comunicadores”.
Pola súa banda, Augusto Metztli, vicepresidente da AGPI, quixo agradecer a colaboración de PuntoGal nunha iniciativa que “paréceme unha forma de ampliar o afecto ao territorio e ao local, levado á Rede e, desde un sector en amplo desenvolvemento e en expansión, que ano tras ano gaña recoñecemento como ferramenta fundamental de comunicación dentro da sociedade, querémolo agradecer”.
O convenio entrambas entidades inclúe a posibilidade de que as asociadas e asociados do obradoiro poidan mercar un dominio .gal ao prezo reducido de 13 euros máis IVE a través dos rexistradores que colaboran na promoción.
A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración agrupa desde o ano 2000 ilustradores e ilustradoras comprometidos na defensa común dos seus dereitos e intereses profesionais. Actualmente AGPI aglutina máis de 113 ilustradores e ilustradoras de distintas xeracións e de todas as áreas da creación visual aplicada.