PuntoGal e a RAG entregan os premios do VIII Concurso de microrrelatos

venres, 18 de xullo do 2025 Redacción

As historias elixidas polos xurados do VIII Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal foron lidas polos seus autores e autoras durante o acto de entrega de premios que ambas entidades celebraron esta mañá na Fundación Luis Seoane. Unha festa da palabra na que, un ano máis, quedou demostrado que o mundo enteiro pode contarse en galego e a calquera idade.
A tesoureira da RAG, María López-Sández, e o presidente de PuntoGal, o tamén académico Manuel González, foron os encargados de entregar os diplomas e galardóns do certame, no que se distinguiron nove microrrelatos de ata 200 palabras como gañadores, mentres que outros seis foron recoñecidos como finalistas. Tamén participaron na entrega os académicos correspondentes Xosé María Lema e Ana Romero Masiá, e mais a técnica de PuntoGal Cristina Ríos, integrantes do xurado das categorías infantil e xuvenil; así como o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, en representación do xurado da categoría de adultos, e Ana Cermeño, da revista Luzes, que colabora na publicación dos relatos premiados e finalistas no próximo número da súa edición en papel.

Premiados e finalistas

Na categoría de adultos, o lugués Santiago Argüeso Galván (1997) foi distinguido co primeiro premio polo relato O cadro. Filólogo de formación, traballa actualmente nunha cadea de supermercados, aínda que a súa verdadeira vocación é a docencia, e a lectura e a escritura forman parte do seu día a día. Damián Fernández Rodríguez (1986), natural de Ourense, criado en Pontevedra e residente en Barcelona, acadou o segundo premio con Lagamei Lalo. Dedícase ao ámbito da tradución e traballa en procesos de calidade lingüística para empresas tecnolóxicas. O terceiro premio foi para Rebeca Lema Martínez (1986), autora de Tan duro. Con raíces familiares en Laxe, naceu na Coruña, viviu en Vigo e Santiago, e desde 2013 reside en Varsovia, onde exerce como docente. En 2022 publicou o libro de relatos Historias de amor para nefelibatas e tamén escribe novelas baixo pseudónimo, cunha xa editada e outras dúas en preparación.
Entre as finalistas na categoría de adultos figuran Marisa Vidal Collazo (Corme, 1966), autora de Seur, e Sara Jul Rivas (San Cibrao, 1972), recoñecida por «F+G=0». Ambas son docentes de secundaria. Marisa Vidal é autora de Eu son Exeria. Lectura feminista dunha viaxe no século IV e colaboradora en obras colectivas e asociacións como Comadres das Letras, Encrucillada e Mulleres Cristiás Galegas. O recoñecemento do xurado súmase a outros premios que obtivo noutros certames literarios organizados por Buserana, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia ou a Biblioteca da Deputación da Coruña. Pola súa banda, Sara Jul Rivas comezou a escribir recentemente tras participar nun obradoiro con Antía Yáñez, o que a animou a presentarse ao concurso.
Na categoría xuvenil, as gañadoras do primeiro e segundo premio foron as estudantes do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, Yanira Ansede Iglesias (2008) e Mencía Rodríguez Lorenzo (2009), polos relatos No tempo esquecido e A chave. María Conde Alba (2008), do Colexio Eirís, recibiu o terceiro premio con A noite que nunca esquecerán. Como finalistas foron recoñecidos Anxo Rey López (2010), do IES Antonio Fraguas de Santiago de Compostela, por Esculcando na memoria, e Itxaso Illarramendi González (2010), da Compañía de María de Vigo, por «Éxtase».
Na modalidade infantil, Ana López Canosa (2013), do CEIP Zalaeta da Coruña, foi premiada co primeiro posto por A negrura da noite. O segundo galardón foi para Laura Álvarez Barrio (2013), do CEP Santa Mariña de Redondela, por O libro do tempo esquecido; mentres que Irene Suárez Rodríguez (2015), do CEIP das Mercedes de Lugo, obtivo o terceiro con O murmurio da montaña. Tamén do colexio lugués é Airela Ónega Ferreiro (2015), finalista con Desexos voadores. Outro finalista foi Xoel Villar Castro, autor de Indisciplina planetaria, quen non puido asistir ao acto. Xoel xa fora premiado na anterior edición, na que o seu colexio, o CEIP de Castrelo de Miño, obtivera outros dous recoñecementos nas edicións de 2023 e 2022.

A importancia da escola

Tanto María López-Sández como Manuel González destacaron o valor dun concurso que promove a creación literaria en galego entre persoas de todas as idades, facendo fincapé na participación da mocidade, clave para o futuro da lingua. A tesoureira da RAG considerou acertada a aposta polo relato curto, ao que definiu como «o gran xénero literario da posmodernidade», e puxo en valor o papel esencial dos centros educativos como espazos de fomento da lectura e da escritura creativa. Citou como exemplo os premios obtidos por alumnado dos colexios das Mercedes de Lugo, Castrelo de Miño e o IES Poeta Díaz Castro. «Como sinala Guadalupe Jover, unha das grandes impulsoras da promoción lectora e da creación literaria no sistema educativo, se a literatura segue a ser materia troncal é por dúas razóns: porque contén a memoria para saber quen somos e a imaxinación para saber que queremos ser», expresou.
Pola súa banda, Manuel González definiu o certame como unha proposta plenamente consolidada no calendario literario galego, valorando a súa capacidade de atraer participantes moi diversos, desde autores consolidados ata persoas con pouca experiencia lectora pero con historias que merecen ser contadas. «É especialmente importante que participen nenas, nenos e mozos, para que a escrita en galego e os vínculos afectivos coa nosa lingua se fortalezan desde a infancia», concluíu.