PuntoGal reforza o seu compromiso co galego de Asturias a través dun acordo de colaboración con Axuntar
martes, 30 de xuño do 2026
PuntoGal e a asociación Axuntar veñen de asinar un convenio de colaboración co obxectivo de fortalecer as iniciativas de promoción, normalización e difusión do galego de Asturias, falado na comarca do Eo-Navia. No marco deste acordo, PuntoGal comprométese a patrocinar a edición 2026 dos Premios Folgueira, uns galardóns que a asociación Axuntar entrega anualmente para recoñecer o labor de persoas, entidades e proxectos que contribúen á dignificación e normalización da lingua galega en Asturias.
Ademais, PuntoGal manifesta a súa vontade de colaborar na reedición das normas ortográficas do galego de Asturias publicadas pola Mesa prá Defensa del Galego de Asturias e da Cultura da Comarca (MDGA) en 1990. Estas normas, informa a asociación galega, “constitúen unha referencia fundamental para o estudo e a promoción da lingua e servirán de base para os cursos e actividades formativas que Axuntar organice no ámbito da normalización lingüística”.
Como parte desta colaboración, PuntoGal facilitará tamén á entidade asturiana un dominio .gal para o seu sitio web principal. Axuntar ten previsto adoptar un dominio .gal como enderezo principal da súa páxina e empregalo en todas as súas comunicacións dixitais, reforzando así a súa identificación coa comunidade lingüística e cultural galega.
"PuntoGal é un dominio lingüístico-cultural, que pretende servir de nexo de unión e de pertenza a unha comunidade lingüística para todas as persoas e entidades que se expresen en lingua galega en calquera parte do mundo, estean en Galicia, nos territorios de fala galega de Asturias, Castela e León ou Estremadura, en América ou en calquera outro lugar”, comenta Manuel González, presidente de PuntoGal, engadindo que “PuntoGal ten a obriga de xestionar con eficiencia e solvencia técnica o dominio de internet .gal, pero como responsable deste dominio lingüístico-cultural ten tamén o compromiso de promover e apoiar proxectos e actividades destinadas ao fomento da lingua e da cultura galegas, así como ao desenvolvemento de tecnoloxías en lingua galega.”
González apuntou tamén que “Axuntar é unha asociación que leva no seu ADN o traballo pola conservación e promoción do uso do galego de Asturias, e, xa que logo, coinciden plenamente neste aspecto os seus obxectivos cos de PuntoGal; por isto para PuntoGal é unha enorme satisfacción colaborar con Axuntar para avanzar no recoñecemento e no exercicio dos dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes do occidente de Asturias e para afortalar e facer máis vizoso o uso da lingua galega neste territorio.”
Pola súa banda, Natalia Jardón, presidenta de Axunta, declarou que "seguindo as recomendacións do Consello de Europa no seu informe de 2024, Axuntar establece lazos de cooperación con organizacións que defenden a nosa lingua común, o galego, con independencia das fronteiras administrativas. Agradecemos o apoio de .gal e esperamos que esta colaboración axude a visibilizar e dignificar a nosa terra galegofalante en Asturias”. Jardón engadiu que “esta colaboración vai permitirnos elaborar materiais para futuros docentes e para todas as persoas que desexen unha formación rigorosa na nosa variante xeolectal”.
Como primeiro paso, apuntou, “grazas a .gal, poñeremos a disposición do público unha nova edición das Normas Ortográficas publicadas por profesores e lingüistas de Asturias e Galicia no ano 1990”.
Sobre este convenio de colaboración, o director xeral de Puntogal, Darío Janeiro, comentou que "o galego é unha lingua que transcende as fronteiras administrativas, e o galego de Asturias forma parte dun patrimonio lingüístico común que cómpre preservar e promover; para PuntoGal é unha satisfacción colaborar con Axuntar, unha entidade que leva anos realizando un traballo exemplar en defensa da lingua e da cultura do Eo-Navia. A través deste convenio queremos contribuír tanto á visibilidade social do galego de Asturias como á súa presenza no ámbito dixital. O dominio .gal é unha ferramenta ao servizo de toda a comunidade lingüística galega, e estamos orgullosos de que Axuntar aposte por incorporalo ás súas comunicacións e á súa identidade na Rede”.
