Qualcomm presenta novos procesadores orientados a consolas portátiles

luns, 17 de marzo do 2025 Marcus Fernández

Qualcomm presentou hoxe os novos integrantes da familia de procesadores destinados para xogar, os Snapdragon G, que contará agora cos Snapdragon G3 Gen 3, Snapdragon G2 Gen 2 e Snapdragon G1 Gen 2, que prenden achegar grandes experiencias de xogo portátil, o que poderemos ver en breve en consolas portátiles de compañías como Ayaneo, OneXSugar e Retroid Pocket.
O Snapdragon G3 Gen 3 é o primeiro procesador desta familia en soportar Lumen, o sistema de reflexos e iluminación dinámica de Unreal Engine 5, e está destinado a consolas portátiles baseadas en Android. Fronte á anterior xeración supón unha CPU un 30% máis rápida e unha gráfica un 28% máis potente. Tamén conta con soporte de Wi-Fi 7.
O Snapdragon G2 Gen 2 é un procesador máis modesto, pero igualmente é capaz de mover xogos até a 144 imaxes por segundo, e pode resultar moi axeitado para tirar proveito de xogos na nube. Teñen unha CPU cos 2,3 veces o desempeño do modelo anterior e un 3,8 de veces de potencia na súa GPU. Tamén incorpora soporte de Wi-Fi 7.
Para concluír, o Snapdragon G2 Gen 2 é un produto bastante máis económico, destinado a chegar a unha maior audiencia, que se conforma con xogos até Full HD a 120 imaxes por segundo. Está pensado para dispositivos de xogo baseados en Android e para xogar na nube, mellorando fronte a versión anterior un 80% a CPU e un 25% a GPU.
As primeiras consolas portátiles en contar cos novos procesadores serán a Retroid Pocket Classic (cun formato semellante ao dunha Game Boy, e equipada cun Snapdragon G1 Gen 2), a OneXPlayer Onexsugar Sugar 1 e Ayaneo Pocket S3 (ambas equipadas cun Snapdragon G3 Gen 3).