Quefacer.com: buscador galego de lecer con feitura de rede social
luns, 9 de abril do 2012
Temos nova web
galega á vista: quefacer.com. Tal e como
se advirte no seu propio nome e segundo nos contan os seus responsables,
estamos ante un recurso que nos vai axudar a artellar o noso tempo de lecer, cousa
que se agradece. En primeiro lugar, porque a Rede é unha enleada de axendas, e
sempre está ben que haxa recursos que clarifiquen, sinteticen e ordenen. En
segundo lugar, porque sempre haberá cousas que se nos escapen. A vantaxe deste
novo buscador, ademais, radica en que é unha rede social. Creada por Ramón Iglesias
e Alberto Freaza, dous mozos da comarca de Vigo, a web permite facermos cousas
como buscar eventos sen necesidade de estarmos rexistrados.
Asemade, permítenos
publicar de xeito simultáneo en Facebook, evitando duplicidades de traballo e
posibilitándonos tirar o máximo proveito de recursos para promover o noso
evento. A gran arela de Ramón e Alberto foi achegar algo que fose claro e útil.
Ou sexa, sinxelo e potente. “Trátase de
atopar o que queres”, informan, “cando
queiras, onde queiras e sen esforzo”. Ademais, a web é de balde.
Quefacer.com está
orientada a persoas ou organizacións que acheguen eventos ou servizos de lecer
como restaurantes, cafeterías, artistas, asociacións, teatros, colectivos de
toda índole, federacións, etc. “A outra
cara da mesma moeda”, engaden, “son
aquelas persoas que desexan coñecer as actividades que poden levar a cabo, como
por exemplo saír a cear, cursos, festas populares, concertos”. Por outra
banda, a idea tamén foi a de achegarlles utilidade ás plataformas que se
dedican a informar sobre a oferta cultural, así como prensa, oficinas de
turismo, foros, páxinas web. Para sabermos máis desta web e as súas
potencialidades temos dous vieiros fundamentais ao noso alcance: vendo o vídeo
explicativo ao que dá acubillo o buscador ou ben acudindo ao acto de presentación
previsto para esta semana en Redondela, este xoves 12 de abril, ás 19.00 horas
no Multiusos.
Vídeo promocional de Quefacer.com
