Quobis acolleu a presentación dun proxecto para optimizar a industria con tecnoloxías intelixentes: o proxecto COMPORT

mércores, 15 de decembro do 2021 S. P.

Este martes 14 celebrouse no Porriño a presentación dun proxecto para estender as tecnoloxías disruptivas no ámbito industrial. A cita foi no Porriño, nas instalacións da empresa tecnolóxica Quobis (Polígono da Granxa), co-responsábel do proxecto en cuestión, COMPORT (COMmunications for Process Optimization in Real Time), subvencionado pola axencia GAIN (Axencia Galega de Innovación) a través do programa Conecta HUBS 2021. COMPORT conta coa participación do consorcio de empresas Quobis, Sixtema, Situm, Torusware e Edigal.
Durante a presentación os representantes das ditas empresas presentaron as principais liñas de traballo e os obxectivos particulares do proxecto, que pasan por “xerar unha solución para que os principais actores do sector industrial reduzan os seus custos de produción dunha forma substancial a través do uso de tecnoloxías facilitadoras (Internet Industrial das Cousas -IIoT-, Intelixencia Artificial -IA- e Aprendizaxe Máquina -ML-) que dean como resultado “unha redución no tempo medio de resolución de incidencias e a súa asignación proactiva”, informaron.
Esta solución consistirá nunha plataforma de software industrial baseada no devandito paradigma do IIoT que fará uso de Intelixencia Artificial (IA) e o Machine Learning (ML) para a optimización de procesos industriais, coas comunicacións en tempo real como vehículo para a toma de decisións informada e inmediata.
Ademais, COMPORT pon o foco na resolución temperá de incidencias en contextos industriais buscando a mellora da fiabilidade dos sistemas críticos na fabricación. Neste punto en concreto, a finalidade é “incrementar o tempo efectivo de actividade dos servizos e, en consecuencia, obter unha mellor produtividade nos procesos de fabricación”.
Na presentación fíxose saber que o proxecto “supón un novo empuxe ao IIoT e integra o uso de tecnoloxías de última xeración, integrando analítica de datos, mobilidade, fabricación flexíbel, Realidade Aumentada, seguridade, comunicacións en tempo real e Intelixencia Artificial, nun claro exercicio de converxencia entre as principais liñas estratéxicas en innovación definidas actualmente polas institucións públicas e os intereses dos principais actores industriais”.

PUBLICIDADE