Quobis e Cinfo desenvolverán aplicacións de saúde no marco do programa Tech Angels Network
mércores, 18 de setembro do 2024
O Clúster TIC Galicia desenvolverá dúas aplicacións de saúde e benestar, no marco do seu programa Tech Angels Network, a través da alianza estratéxica entre Quobis e o proxecto Cardi@ngel, do enxeñeiro compostelán Jesús Velasco, e entre a tecnolóxica Cinfo e Zenss, unha iniciativa da emprendedora coruñesa Astrid Rincones.
Cardi@ngel e Zenss son dúas das once ideas de negocio que se presentaron a Tech Angels Network, acadando o apoio das empresas socias da entidade Quobis e Cinfo, que actuarán como Tech Angels destes produtos, dende o proceso de deseño ata o seu lanzamento, previsto para o vindeiro ano.
Cardi@ngel é unha app de alerta inmediata, colaborativa e gratuíta, dirixida a usuarios con enfermidades do corazón e a voluntarios que saiban realizar reanimación cardiopulmonar (RCP).
“Cun só clic na pantalla do móbil por parte da persoa que está a sufrir o infarto ou ataque cardíaco, os voluntarios próximos á súa localización recibirían un aviso para poder practicarlle a RCP o máis rápido posible”, sinala Jesús Velasco, promotor de Cardi@ngel e CTO da empresa homónima.
Con carácter paralelo, a aplicación enviaría unha notificación ao servizo de emerxencias. “A idea xurdiu a raíz da morte dun amigo. Sufriu un infarto e faleceu como consecuencia de non recibir a asistencia adecuada no momento preciso”, confesa.
O apoio de Quobis chega nun momento clave para a empresa. “Que unha compañía líder no suministro de solucións de comunicacións desenvolva o software de Cardi@angel axiliza moito o proceso de lanzamento do produto, xa que está baseado precisamente en comunicacións áxiles e fiables”, apunta Velasco.
Cinfo, pola súa banda, chegou a un acordo coa emprendedora coruñesa Astrid Rincones, impulsora de Zenss, unha solución para acompañar a persoas con problemas de saúde mental. “A través do programa de preincubación Santander X Explorer transformei a proposta nun proxecto sostible e foi aquí onde me recomendaron presentalo a Tech Angels”, comenta Rincones, e engade: “Que Cinfo confiase na miña proposta paréceme unha gran oportunidade porque esta solución vai axudar a moita xente”.
A aplicación está pensada para servir de apoio a gabinetes e clínicas psicolóxicas, terapeutas ou psiquiatras, para que poidan realizar un seguimento máis preciso dos seus pacientes e afinar os diagnósticos. A través dun deseño atractivo, funcional e amigable, o usuario pode utilizar a aplicación coma un diario psicoemocional no que indicar o seu estado anímico ou utilizar a gravadora de voz para rexistrar as cuestións que máis lle preocupan.
“Cos datos recompilados, realízase un seguimento anímico do paciente, xéranse estatísticas para coñecer o seu historial mental, e a través da intelixencia artificial, pódense detectar termos que xeren alertas para previr certas condutas, por exemplo, pensamentos suicidas”, precisa Astrid.
Outra das iniciativas que contempla o programa Tech Angels do Clúster TIC Galicia é o evento Tech Angels Capital, que se celebrará o 28 e 29 de outubro nas instalacións da Zona Franca de Vigo, en colaboración coa AMTEGA, o propio Consorcio, o Igape e NodeHub, e para o que xa está aberta a inscrición para empresas emerxentes.