Qwen presenta un modelo aberto que impulsa a edición mediante descomposición en capas

venres, 19 de decembro do 2025 Redacción

A chinesa Qwen, pertencente ao ecosistema de Alibaba, anunciou o lanzamento de Qwen‑Image‑Layered, un novo modelo de intelixencia artificial centrado na descomposición de imaxes en múltiples capas RGBA para facilitar unha edición máis precisa e consistente. A empresa destaca que a tecnoloxía ofrece calidade de Photoshop na separación de elementos visuais e permite controlar entre tres e dez capas estruturais segundo as necesidades do usuario.
O modelo, publicado baixo licenza Apache 2.0, chega acompañado dun informe técnico dispoñible en arXiv. Nel descríbese un método de descomposición que combina representacións semánticas e estruturais para illar obxectos, textos ou compoñentes visuais sen afectar o resto da imaxe. O equipo investigador, composto por membros de Alibaba e da Hong Kong University of Science and Technology, subliña que esta aproximación permite operacións de edición de alta fidelidade, como recoloración, reposicionamento ou eliminación limpa de elementos.
A model card publicada en Hugging Face detalla o funcionamento práctico da ferramenta, incluíndo exemplos de uso, requisitos técnicos e casos de aplicación. Entre eles destacan a substitución de obxectos, a modificación de texto integrado ou a manipulación independente de capas para evitar artefactos comúns en modelos de edición tradicionais. A plataforma tamén mostra exemplos de descomposición variable e mesmo a posibilidade de aplicar o proceso de forma recursiva, permitindo o que describen como descomposición infinita.
No blog oficial de Qwen, a compañía contextualiza o lanzamento dentro da súa liña de investigación en modelos visuais editables e presenta Image‑Layered como un paso clave cara a ferramentas máis flexibles e controlables. O artigo sitúa esta tecnoloxía como unha evolución natural dos modelos de difusión actuais, orientada a ofrecer maior control creativo e precisión profesional en fluxos de traballo de deseño, publicidade e produción multimedia.
Co seu carácter totalmente aberto e a integración en plataformas como Hugging Face e ModelScope, Qwen‑Image‑Layered posicionase como unha das propostas máis ambiciosas no ámbito da edición asistida por IA, abrindo a porta a novos paradigmas de manipulación visual baseados en capas nativas e editabilidade inherente.