R acompaña na súa transformación dixital á enerxética galega Reganosa

venres, 25 de setembro do 2020 Sonia Pena

Reganosa, a empresa galega adicada ao transporte e regasificación de gas natural, chegou a un acordo coa operadora de telecomunicacións R para incorporar na súa organización os servizos e plataformas de SAP HANA na nube. En palabras da firma galega de cable, “trátase dun paso decisivo no proceso de transformación dixital da compañía enerxética para o que nos elixiu como socios tecnolóxicos”. En concreto R mellorará os procesos e a estratexia de negocio de Reganosa, axudándolle a extraer o máximo partido da análise da información e facilitando o acceso a ela en tempo real a través da dita plataforma SAP HANA.
Emilio Bruquetas, director xeral da firma enerxética, incidiu en que “o sector da enerxía vive un gran proceso de modernización no que a descarbonización e a dixitalización son esenciais; nisto, Reganosa ten que ir por diante. De aí que contar coas ferramentas e co coñecemento que nos achega R resulte esencial. Ademais de produtiva, a nosa alianza é moi satisfactoria porque Reganosa comparte con R valores e traxectoria: as dúas somos empresas novas e innovadoras, ás que a competencia nos motiva para facer as cousas mellor en calquera mercado”.
Pola súa banda, Isidro Fernández de la Calle, director corporativo Empresas de R asegurou que “para nós é un orgullo e unha responsabilidade acompañar a Reganosa neste proceso. Estamos a vivir unha transición imparábel á nube que se acelerou coa crise derivada da COVID-19. Reganosa soubo capitalizar o valor diferencial da nube de R, unha nube próxima e directamente conectada por fibra óptica coa firma enerxética, que lle achega máxima capacidade, seguridade e mínima latencia para o despregue dos seus servizos de negocio actuais e futuros”.

PUBLICIDADE