R alíase con S2 Grupo para ampliar os seus servizos de ciberseguridade

luns, 28 de marzo do 2022 S. P.

A empresa de ciberseguridade S2 Grupo e a operadora de orixe galega R veñen de asinar unha alianza estratéxica para ampliar os servizos de protección tecnolóxica que brinda a operadora ás súas empresas clientes. Pola súa banda, S2 Grupo converterase no fornecedor principal para os proxectos e servizos de ciberseguridade de R.
A actividade de S2 Grupo está centrada en tres grandes liñas: proxectos de auditoría e consultoría (para avaliar a ciberseguridade dos/as clientes/as e deseñar sistemas de protección específicos para os seus negocios), desenvolvemento de produtos propios (destinados a incrementar as capacidades de protección, detección e resposta en materia de ciberseguridade), e prestación de servizos de xestión continuada da ciberseguridade e explotación de sistemas de misión crítica dende centros específicos 24x7 deseñados para tal fin.
Segundo fai saber R, o acordo entre ambas as compañías supón xuntar a experiencia e habilidades de cada empresa nos seus respectivos sectores, o que permitirá a R e ás compañías que integran
o Grupo Masmovil incrementar o seu catálogo de produtos e servizos dirixidos ás súas empresas clientas. Pola súa banda, S2 Grupo reforzará a súa aposta pola súa presenza na zona norte, onde abriu a súa primeira delegación en 2021.

PUBLICIDADE