R conseguiu xuntar 450 empresas na edición máis virtual das súas Xornadas Tecnolóxicas
xoves, 29 de outubro do 2020
Até
450 empresas de todo o ámbito estatal seguiron finalmente nas
Xornadas Tecnolóxicas R, organizadas pola operadora galega e
centradas na Intelixencia Artificial. Os encontros desenvolvéronse
nun edificio virtual con espazos para conferencias, exposicións e
networking, coas empresas participantes conectándose a través
dunha plataforma e pudendo participar nos diferentes espazos.
Entre
as conclusións que se tiraron do encontro figuran as seguintes: que
a IA está xa ao alcance de todas es empresas e que as máquinas e
sistemas con capacidade de aprender fan que as decisións
empresariais melloren a experiencia dos clientes e a eficacia dos
negocios.
Dirixidas
aos negocios interesadas en iniciar, ou que xa iniciaran, un proceso
de dixitalización, baixo o lema Data Driven Company, benvido ao
futuro dixital, nas xornadas tamén se abordaron cuestións
referidas á xestión do dato como panca clave para o crecemento e
competitividade das empresas. Nuria Oliver, enxeñeira de
Telecomunicación, doutora polo Media Lab do Instituto Tecnolóxico
de Massachusetts (MIT), investigadora, divulgadora
científico-tecnolóxica e recoñecida experta en Intelixencia
Artificial e Big Data, foi a encargada de abrir a xornada
nunha plataforma Teams que foi quen de recrear un auditorio real, co
fin de facer máis doada a comunicación co público e máis o
acceso. A conferenciante partiu da visión sobre o mundo en que
vivimos e a influencia que ten na nosa sociedade e nas nosas vidas a
Intelixencia Artificial. Oliver asegurou que nos agarda un escenario
cheo de oportunidades, marcado pola tecnoloxía móbil, a
conectividade e pola circulación dunha cantidade inxente e diversa
de datos. Para facer fiábeis e comprensíbeis eses datos, dixo, “hai
que analizalos e para iso é necesaria a Intelixencia Artificial”,
que está no corazón da Cuarta Revolución Industrial na que estamos
mergullados.
Segundo
fixo saber, “as tecnoloxías con capacidade de aprendizaxe, de
analizar datos e extraer conclusións xogan o mesmo papel que xogou a
electricidade na Segunda Revolución Industrial, porque estamos ante
unha disciplina transversal que se pode aplicar en calquera ámbito,
a calquera sector da economía”. Trátase dun ámbito invisíbel,
engadiu, “porque é software, pódese adaptar a calquera ámbito
diverso, pode evolucionar e é ampliábel segundo as necesidades”.
Sobre
a importancia do dato e de como facilitar a posta en marcha dos
proxectos baseados en datos nas empresas falou Alberto Rezola,
fundador e socio de Datu(a) Merkatu. Explicou como a clave do éxito
está en dispor do dato dun xeito simple, contando cunha empresa
especializada e unha plataforma como Mileva, que é a arquitectura
tecnolóxica dispoñíbel como servizo que R, en alianza con Datu(a)
Merkatu, facilita ás empresas. Trátase dunha solución converxente
que é capaz dunha grande inxesta de información a través de dispositivos IoT
(Internet das Cousas), para almacenala, utilizala e xerar información
útil (Big Data) e dotala dunha capa de Intelixencia Artificial
ligada a dar soluciones que se xeran con eses datos.
Na
axenda tamén se falou dos beneficios de aplicar a IA nas empresas.
Pablo Gutiérrez, de Datarobot, explicou como estas tecnoloxías
axudan a facer medrar os negocios, a mellorar a eficiencia e a
construír novos servizos partindo do dato.
Experiencia de empresas
As
máis de 450 empresas asistentes ás xornadas coñeceron, tamén, de
primeira man, algunhas experiencias reais de aplicación de Big
Data, IoT e IA. En nome de Ebroker falou o seu director executivo
(CEO) Higinio Iglesias, quen explicou como a súa empresa
especializada en solucións tecnolóxicas para a xestión integral
dos corredores de seguros abordou co Grupo Euskaltel, ao que R
pertence, e Datu(a) o proxecto denominado SegData, baseado na
plataforma Mileva “porque a explotación do dato é o futuro do
seguro”.
Con
SegData quere achegar ás empresas clientes do sector do aseguramento
beneficio empresarial a través da intelixencia do dato, analizándoo
e transformándoo en coñecemento. Iglesias pechou a súa
intervención asegurando que “neste momento de transformación
dixital, as empresas que ofrecemos servizos tecnolóxicos non temos
mellor futuro que axudar os nosos clientes a construír o seu”.
Pola
súa banda, Víctor Lorenzo, director do departamento TI do Grupo
Cuevas, empresa galega da industria agroalimentaria con máis de 150
anos de historia, asegurou que se foron adaptado a cada momento
histórico e que a dixitalización supuxo un reto e unha
oportunidade. No seu caso, implantaron un sistema para preparar os
pedidos con precisión e grazas a el conseguiron un 95 % menos de
erros na súa preparación e unha optimización das rutas de
distribución cun aforro económico próximo ao 28 %.
Ignacio
Vilaplana, responsábel de BAI Analytics, encargouse de pechar a
sección adicada ás experiencias de empresas detallando o enfoque da
IA en R e no Grupo Euskaltel. “A nivel interno, traballamos na
normalización do uso da IA. Somos un equipo pequeno, mais
traballamos de forma transversal e involucramos todas as áreas da
organización”. Deste xeito, foron quen de acadar unha “mellora
na toma de decisións para optimizar a experiencia do cliente”. A
nivel externo, engadiu, “BAI Analytics é o instrumento que R pon a
disposición das empresas para que accedan a esta tecnoloxía e que
poidan acometer proxectos a curto prazo e con menos investimentos”.
Pola
súa banda, Isidro Fernández de la Calle, director corporativo
Empresas de R e do Grupo Euskaltel, explicou os obxectivos destas
Xornadas Tecnolóxicas, que se celebran dende hai xa 10 anos: “Son
unhas sesións especiais pola oportunidade de estar preto das
empresas. Serven para compartir cos nosos clientes as posibilidades
que as tecnoloxías nos ofrecen, proxectos que nos sirvan de
inspiración para abordar novos retos. Teñen tamén por obxectivo
validar de primeira man se imos polo bo camiño nas nosas apostas
estratéxicas, nos produtos e servizos que estamos a desenvolver ou
na política de alianzas e partners”.