R e APD renovan o seu traballo conxunto a prol da transformación empresarial
venres, 27 de setembro do 2019
R
vén de renovar o seu acordo coa Asociación para o Progreso da
Dirección (APD), entidade de ámbito estatal que ten unha longa e
rica bagaxe en formación, divulgación e networking ligado ás
novas tecnoloxías, a Industria 4.0, a intelixencia nos negocios e a
transformación dixital. Na renovación da alianza, formalizada na
sede da operadora na Coruña, participaron Santiago Sesto, director
de APD zona noroeste (Galicia e Asturias) e Isidro Fernández de la
Calle, director de Empresas do Grupo Euskaltel (do que forman parte R
e Telecable).
Segundo
fixeron saber, con este novo convenio actualízase a confianza e a
colaboración que xa viñan mantendo a empresa e a asociación para
xerar valor nos membros da comunidade empresarial e nas empresas. Ao
abeiro do acordo, ademais, poranse en xogo iniciativas para fomentar
o intercambio de coñecementos e experiencias das persoas que
desenvolven tarefas de alta dirección no sector produtivo, “un
obxectivo extensíbel tanto a entidades privadas como públicas e
tendo en conta a profesionais que interveñan directamente ou de
maneira delegada no goberno ou administración das compañías e
organismos”, engadiron.
Entre
as actividades concretas que se van desenvolver tanto en Galicia como
en Asturias salientan os
xantares-coloquio do Club CEO, encamiñados á alta dirección das
empresas. Nestas xeiras de traballo ofrecerase o relatorio dun director
executivo (un CEO polas súas siglas en inglés) arredor dun tema de
actualidade empresarial ou sobre novas tecnoloxías e dixitalización.
Celebraranse
tamén en ambos os dous territorios os chamados Encontros de
tecnoloxía e negocio, na mesma liña de contactos
con expertos en foros onde se debate acerca de solucións a retos do mundo
actual.
Ademais,
R incluirá as súas charlas didácticas sobre novas tecnoloxías e
os obradoiros de robótica Crea R en APD Kids, o programa da
asociación que persegue divulgar o coñecemento entre os/as máis
pequenos/as de maneira divertida e práctica.