R e o Círculo de Empresarios de Galicia volven xuntan forzas para impulsar a transformación tecnolóxica da nosa terra

martes, 23 de marzo do 2021 Redacción

Patricia García González, presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia, e Isidro Fernández de la Calle, director corporativo Empresas de R e do Grupo Euskaltel asinaron na sede do operador galego na Coruña, a renovación do acordo que converte a R en “patrocinador institucional protagónico” do Círculo. O acordo, formalizado este 23 de marzo pola mañá, ten o obxectivo de seguir unindo forzas para “potenciar conxuntamente iniciativas que xeren valor no tecido empresarial galego e que favorezan o desenvolvemento económico da Comunidade”.
Segundo fixeron saber, o programa de actividades e os proxectos que desenvolverán R e máis o Círculo este ano aplicarán todas as medidas de seguridade requiridas e adaptarán os formatos das devanditas accións ás necesidades actuais, “aproveitando en todo momento as oportunidades e vantaxes que ofrece a contorna dixital”, sinalaron, engadindo que o programa incluirá encontros presenciais, actividades virtuais (online) e eventos que combinarán a interacción en ambas as dúas modalidades.
Patricia García destacou que o acordo deste ano “ten máis sentido que nunca, pois esta crise tennos abocado a acelerar a dixitalización das empresas, e mesmo das familias, pero quedan algúns ocos, sobre todo en materia de seguridade, que cómpre cubrir”. E engadiu: “Iniciativas como este convenio son vitais para o coñecemento e difusión de factores que agora pasan a ser clave na estratexia das empresas”.
Pola súa banda, Isidro Fernández de la Calle considera “esencial manter viva a colaboración entre R e o Círculo, unha alianza colaborativa que xa ten un percorrido do cal nos sentimos moi orgullosos. Basicamente porque mantemos intacto o espírito compartido de axuda á contorna empresarial galega con iniciativas de valor, proxectos formativos e asesoramento que redunda, sempre, no desenvolvemento de calquera empresa ou negocio e, ao final, da nosa economía e da nosa sociedade”.
R e o Círculo organizarán conxuntamente catro encontros empresariais
- dirixidos a empresarios/as e executivos/as- e conducidos por un/a convidado/a referente na súa actividade que compartirá a súa experiencia e coñecemento co auditorio para tentar mellorar o modelo de negocio das empresas galegas, adaptándose aos cambios no mundo dixital e tecnolóxico.
Falarase de Realidade Aumentada e Virtual, chatbots, Internet das Cousas (IoT), Big Data, cadea de bloques (blockchain) ou cibersegurirdade.
Algúns destes temas constituirán a cerna da cuarta edición do Foro de Ciberseguridade do Círculo, no que vai participar R. No encontro analizarase con detalle o contexto en que se moven as empresas na actualidade, os riscos que corren na Rede e a necesaria concienciación e cambios que debe experimentar a organización dunha maneira transversal para enfrontarse e protexerse na nova conxuntura.
R será novamente protagonista nunha xornada dedicada aos principais retos e tendencias da economía e os mercados globais, no marco deste novo convenio asinado co Círculo. Neste caso a idea é recalar en asuntos de “gran proxección a día de hoxe”, ligados aos desafíos económicos aos que nos enfrontamos e ás tendencias internacionais nestes ámbitos.
Ademais, o operador galego colaborará institucionalmente nun ciclo de encontros enmarcados no programa As mulleres na empresa actual dedicados a iniciativas de igualdade de xénero na empresa: A muller, no centro do cambio empresarial, O papel das mulleres na actividade empresarial, un alicerce de presente e de futuro, Mulleres directivas e emprendedoras, Mulleres no ecosistema emprendedor tecnolóxico, Inspirando casos de éxito en diversidade de xénero e Mulleres tecnolóxicas: o reto do STEAM.

PUBLICIDADE