R e o Círculo de Empresarios renovan a súa alianza con actividades sobre innovación tecnolóxica

mércores, 18 de febreiro do 2026 S. P.

A operadora galega de telecomunicacións R renovou, máis un ano, o seu acordo de colaboración como socio tecnolóxico estratéxico do Círculo de Empresarios de Galicia para seguir achegando visión, coñecemento e experiencia real ao tecido empresarial de Galicia, sobre todo nos eidos da innovación e a tecnoloxía.
A empresa fixo saber que a alianza co Círculo dará percorrido a proxectos e accións de valor para empresariado galego, revalidando a confianza e o compromiso de entidade e operador a prol do desenvolvemento socioeconómico de Galicia e a competitividade das súas empresas.
María Borrás, presidenta do Círculo, e Alfredo Ramos, director de R e de MasOrange en Galicia, asinaron o acordo recentemente na sede da entidade en Vigo. María Borrás incidiu en que “a renovación deste convenio revalida a nosa aposta polo pulo directivo do empresariado de Galicia. É un acordo prioritario para nós porque no Círculo exercemos de panca para a transformación dixital do noso tecido produtivo e, para logralo, temos o mellor aliado estratéxico: R e MasOrange”.
Alfredo Ramos salientou que é un orgullo “ traballar ano tras ano pola transformación dixital das empresas galegas xunto ao Círculo e promover actividades que permitan mellorar a toma de decisións dos negocios a través da innovación, a tecnoloxía e a sostibilidade. Reforzar o espírito emprendedor, a competitividade e a produtividade das nosas empresas forma parte da folla de ruta de R dende hai máis de dúas décadas e agora tamén co grupo MasOrange en Galicia”.
Innovación, tecnoloxía e empresa intelixente
Seguindo a liña de anos anteriores, R e o Círculo porán en marcha un programa de actividades para directivos e empresarias de Galicia, profesionais libres ou representantes de organismos públicos.
Ademais de contidos audiovisuais de valor para a súa posterior difusión, en 2026 desenvolveranse actos, en formato aberto ou máis exclusivos, centrados na innovación tecnolóxica e ao compás das tendencias e vangardas que marcan os nosos días.
No apartado de actos abertos, R será o impulsor tecnolóxico e participará de maneira activa na 5a edición do ciclo Ciberseguridade & CiberTech, este ano baixo o título de Empresas resilientes nun mundo hiperconectado.
Tamén se celebrará a 3a edición do encontro Meet_IA sobre Intelixencia Artificial, o Futuro. Nos dous casos trátase de foros empresariais de referencia en Galicia en formato híbrido (presencial + streaming), abertos a empresarios, directivos e profesionais, onde se analizará como as tecnoloxías clave están a redefinir os modelos de negocio e a competitividade empresarial.
En paralelo desenvolverase un programa exclusivo de alto impacto centrado na empresa intelixente e dirixido a 5 empresas galegas seleccionadas, en formato obradoiro intensivo (bootcamp). Serán tres obradoiros temáticos presenciais en xornadas independentes, con carácter confidencial e onde participarán non máis dun ou dous directivos por empresa sobre temas como a IA aplicada á empresa real, conectividade, computación na nube, ciberseguridade como vantaxe competitiva, produtividade, procesos ou talento dixital. Todo iso, co acompañamento estratéxico e o asesoramento de R como socio tecnolóxico.
En terceiro lugar desenvolveranse contidos audiovisuais de valor sobre “casos de éxito de R” (conversas ou relatos empresariais) gravados no Círculo e con empresas galegas como protagonistas. O obxectivo é analizar decisións tecnolóxicas dos negocios e a súa repercusión real no mercado a curto ou medio prazo.
Ademais, R estará presente institucionalmente na web do Círculo, como vén facendo dende hai anos, e continuará sendo asesor dixital dos socios da entidade.