R estrea descodificador 4K con Android TV

xoves, 27 de xullo do 2017 Marcus Fernández

A poucas semanas da súa adopción por parte de Euskaltel, xa é oficial o novo desco de televisión 4K de R con Android TV. Estamos ante un pequeno receptor de televisión que destaca especialmente fronte aos anteriores por permitir a instalación de aplicacións para Android TV, de xeito que o mesmo trebello que achega os contidos televisivos de R tamén permite gozar de Netflix, YouTube e moitos outros servizos en liña.
O novo receptor de televisión non só achega contidos de até ultra alta definición (4K), senón que tamén aposta pola gravación de contidos na nube (que permite gardar contidos durante até un mes con posibildiades avanzadas como a posibilidade de programar todos os episodios dunha serie de televisión que queiramos seguir), servizo paralelo ao célebre rebobina (que continúa neste novo descodificador).
O desco 4K tamén permite gozar da pausa en directo (pódese parar unha emisión en directo para retomala en diferido un anaco despois) ou incluso ver dende o principio un programa que xa comezase; e por fin está dispoñible unha nova guía de programación do desco de R, que permite ver nunha única ollada o que emiten varias canles á vez, resultando así tamén máis doada a programación de gravacións.
O cambio do desco HD ao desco 4K será de balde, e pode solicitarse a través das canles de atención ao cliente habituais, estando dispoñible para os clientes dos paquetes de televisión tv festa rachada, tv festa, tv ocio + nenos e tv ocio + cine.
Cómpre destacar que o desco 4K hai que conectalo ao televisor por HDMI e precisa dunha conexión á Rede mediante cable, polo que debería estar situado preto do router (aínda que R tamén ofrece a posibilidade de conectar o desco ao router por cable Ethernet ou mediante un dispositivo PLC financiable).

PUBLICIDADE