Euskaltel presenta o seu receptor televisivo 4K con Android TV

venres, 7 de xullo do 2017 Marcus Fernández

Durante a presentación de resultados de R relativos ao ano 2016, o director xeral da compañía, Alfredo Ramos, adiantou que estaban a ultimar o lanzamento dun desco 4K baseado en Android TV para facilitar o acceso aos contidos audiovisuais de R a unha boa resolución á vez que trasladaba a gravación de contidos á nube, converténdose nunha ferramenta moi versátil.
Aínda que este trebello non se presentou oficialmente en Galicia, por fin podemos coñecer en detalle como será o produto xa que vén de desvelarse como será o Deco4K de Euskaltel (compañía matriz de R). Como resulta evidente, estamos ante un receptor da televisión por cable que ofrece unha resolución máxima de ultra alta definición (4K) e que no caso de Euskaltel achega máis de 6.000 películas, programas e series a través da Replayteck, facilita a gravación de até 350 horas de televisión que poderán verse nos seguintes 30 días, permite ver un espazo televisivo dende o comezo aínda que xa o pillaramos empezado, ofrece a programación televisiva dos últimos 7 días, permite gozar da pausa en directo (ou timeshifting) que permite tratar os espazos en directo como se de gravacións se tratase e, como detalle especialmente importante, o novo receptor tamén conta coa posibilidade de gozar no televisor de aplicacións de Android TV (como Netflix, YouTube...) ou incluso de facer espello da pantalla do móbil ou da tableta a través de Google Cast.
Para dar a coñecer o novo produto dende Euskaltel instan aos clientes a pasar polos seus puntos de venda para poder probar o novo receptor televisivo en persoa.

JPEG - 36.4 KB
Así será o mando a distancia do novo receptor 4K de Euskaltel

PUBLICIDADE