R inicia curso ofrecendo a estudantes fibra de 1 Gbps e un cheque para o Gadis

martes, 2 de setembro do 2025 S. P.

A oferta de R para estudantes no novo curso inclúe, ademais de teléfono fixo, fibra de 1 Gbps e un router Wi-Fi 6 de última xeración para unha conexión ultrarrápida de calidade óptima (ata catro veces máis cobertura Wi-Fi e máis velocidade). Todo, por 29 euros ao mes. A campaña da operadora galega está pensada para estudantes que xa teñen servizo de móbil e queren aforrar compartindo na súa vivenda unha conexión ultrarrápida a Internet cun router de última xeración. R complementa estas novidades cunha alianza con Gadis para “facer máis doado o regreso ás aulas este novo curso”.
Así, quen estean a estudar e sexan de R gozarán do servizo de telecomunicacións máis avanzado e dun cheque de 30 euros que non caduca, para consumir en calquera tenda física de Gadis da comunidade galega ou do Bierzo (León). Para gozar da oferta de estudantes hai que contratar a promoción de R antes do 30 de setembro. Após instalar os servizos do operador galego no domicilio só cómpre descargar a app de Gadis e vinculala a unha conta activa. Os clientes recibirán os 30 euros o derradeiro día do mes no que instalen os servizos de R (31 de agosto ou 30 de setembro).
Alfredo Ramos, director de R e do grupo MasOrange en Galicia, quixo pór en valor a implicación de Gadis nesta proposta: “Compartimos valores que forman parte da nosa identidade como marcas galegas: a proximidade coa xente, a colaboración para xerar valor conxunto e a innovación como panca de futuro. É un orgullo podermos trasladar todo isto a milleiros de estudantes que representan non só o presente senón tamén o futuro das nosas compañías e de Galicia”.
Pola súa banda, a directora de Marketing de GADISA Retail, Melisa Pagliaro, sinalou que “esta alianza permítenos ofrecer vantaxes aos nosos clientes máis novos e demostra, unha vez máis, o noso compromiso coas familias galegas e co futuro dos nosos estudantes”.