R lanza un combo para estudantes con Internet de ata 500 Mbps

mércores, 28 de agosto do 2019 Redacción

A operadora R vén de presentar unha serie de novidades relativas ao seu catálogo de combos que veñen moito a conto para esta recta final do mes de agosto, co inicio da tempada académica albiscándose cada vez máis preto. Estamos a falar do lanzamento do combo estudantes, con Internet de até 500 Mbps e sen compromiso de permanencia para os clientes. Trátase, en palabras de R, “dunha oferta específica cunha clara orientación ás necesidades dos mozos e mozas que viven fóra durante o curso e que, en moitos casos, comparten piso e gastos cos compañeiros”.
O servizo permite unha conexión a Internet de 200 ou 500 Mbps e, neste último caso, con ou sen paquete de televisión. R salienta, a respecto dos beneficios do servizo, que este poder ser suspendido, de xeito gratuíto, durante os meses de verán, para volver a contratalo co novo curso coas mesmas condicións. A operadora engade que a promoción de lanzamento é válida ata o 30 de setembro para novas altas, e que “se trata da solución ideal para os estudantes durante o curso, cando necesitan boas conexións a Internet para facer os seus traballos, acceder aos campus virtuais, ou manterse en contacto coas súas familias”.
Estas son as opcións detalladas:
200 Mbps por 35 euros/mes:
• sen liña telefónica fixa
• sen permanencia nin cota de alta
• posibilidade de suspensión gratuíta do servizo durante tres meses
500 Mbps por 39 euros/mes:
• sen liña telefónica fixa
• sen permanencia nin cota de alta
• posibilidade de suspensión gratuíta do servizo durante tres meses
500 Mbps por 42 euros/mes:
• sen liña telefónica fixa
• sen permanencia nin cota de alta
• posibilidade de suspensión gratuíta do servizo durante tres meses
• con decodificador 4K (+Android TV) e máis de 80 canles