R multiplicou por catro o seu beneficio neto no pasado ano
mércores, 16 de xaneiro do 2008
As cousas semellan irlle ben a R, o operador galego de comunicacións por fibra óptica, que vén de pechar 2007 cun beneficio neto de 13,5 millóns de euros, cuadruplicando a cifra do ano anterior. Ademais, a empresa obtivo uns ingresos de explotación de 166 millóns de euros e fixo investimentos de máis de 105 millóns para o despregamento da rede de fibra óptica e a implantación dos novos servizos móbiles e de televisión dixital interactiva en Galicia.
Segundo engade R nun comunicado, a satisfacción dos clientes é un factor de gran importancia neste senso e estalle a permitir incrementar ano tras ano a súa rendibilidade e beneficios logrando un resultado operativo de 73,8 millóns de euros, cunha marxe do 44,7 por cento sobre ingresos. Estas cifras positivas, sinala o operador galego, poñen de manfiesto que segue a ser líder en rendibilidade en España entre tódolos operadores de telecomunicacións e que os grandes esforzos dedicados á mellora das infraestruturas (só en Galicia chegaron a investir 600 millóns de euros) están dando, á fin, os seus froitos.
Arturo Dopico atribúelle os “excelentes” resultados obtidos en 2007 ó lanzamento do novo servizo móbil de R e admite que “manter a liña de medre e consolidadación da empresa en Galicia nestas circunstancias foi todo un reto”.
E se os beneficios económicos son importantes para unha empresa, aínda o son máis as opinións que os clientes teñen dela, sinala o operador. Neste senso, R foi considerada, por segunda vez no ano 2007 e por quinta vez dende o ano 2004, O mellor provedor de Internet de España segundo unha enquisa levada a cabo pola OCU (Organización de Consumidores e Usuarios).
Ademais, segundo o Índice de Satisfacción do Consumidor Español que analiza os diferentes subsectores da economía, o operador galego é líder en España en satisfacción de clientes, fidelidade e intención de recomendar a marca e este liderado esténdese aos tres sectores nos que presta servizo: telefonía, Internet e televisión de pago.
No tocante ó número de clientes, R tamén saiu beneficiado ao peche de 2007, cando contaba con 214.319 usuarios entre fogares e empresas, unha cifra que se multiplicou case por tres nos últimos cinco anos.
De seguires a este ritmo, o operador galego axiña poderá despedir o ano co lema do Gran Wyoming, “para o ano máis pero non mellor porque é imposible”.
