R quere levar a banda larga aos fogares rurais galegos a través da 5G

luns, 26 de setembro do 2022 Marcus Fernández

O operador R está a sorprender cunha nova oferta de banda larga para o rural galego, co que achegan conectividade de até 150 Mbps a vivendas que carecen de cobertura de fibra óptica facendo uso de conexións móbiles 5G, polo que nalgunhas localizacións conseguirán conexións cun rendemento moi superior á das conexións ADSL.
O novo Mambo Axiña non precisa de instalación e está baseado nun router Wi-Fi 6 que toma o acceso á Rede da banda larga móbil, cunha velocidade de até 150 Mbps que aseguran que na actualidade ten unha velocidade media de 102 Mbps, podendo dar conexións a máis de 32 dispositivos a un tempo, polo que sería válido para gozar dun fogar conectado, para teletraballar e, no caso de contar cunha boa cobertura 5G, incluso serviría para poder gozar de xogos en liña.
Esta oferta de R ten un prezo mensual de 34 euros/mes (aplicando un desconto promocional de 10 euros/mes durante 12 meses), aínda que tamén pode contratarse cun móbil con 30 GB de datos por 39 euros/mes ou con datos ilimitados por 49 euros/mes (aplicando en ambos casos o devandito desconto de 10 euros).
Cómpre salientar que o Mambo Axiña non inclúe liña de teléfono fixo, e que tamén pode funcionar con cobertura 4G, aínda que onde o funcionamento será máis axeitado é onde haxa cobertura 5G (que aínda é bastante reducida no rural galego).
Aínda que a instalación deste tipo de solución resulte doada, hai que advertir de que a situación do router resulta crucial, pois é moi importante colocalo nun lugar no que teña unha boa recepción do sinal móbil, á vez que tamén hai que procurar que non estea moi afastado dos dispositivos aos que dará conexión, de aí que haxa que buscar un equilibrio de coberturas para gozar dunha conexión estable.

PUBLICIDADE