R renova máis unha tempada o seu compromiso co Celta Integra Zelnova
martes, 3 de febreiro do 2026
R, operadora galega de telecomunicacións, e a Fundación Celta de Vigo renovaron máis un ano o seu acordo de colaboración nun acto celebrado no Salón Rexio da sede do club na cidade olívica. Ao encontro acudiron o director da Fundación Celta, Germán Arteta, o director de R e de MasOrange en Galicia, Alfredo Ramos, e Rubén Martínez, membro do padroado da Fundación, ademais de integrantes do equipo e corpo técnico do Celta Integra Zelnova, o que lle deu imaxe ao valor social deste proxecto.
O convenio revalida o compromiso de R co club e subscribe o seu apoio ao equipo de fútbol Celta Integra Zelnova para contribuír á “mellora constante e á adaptación social do equipo e dos seus integrantes, do colectivo D.I. (con discapacidade intelectual)”, informou a operadora, salientando que “con este acordo dáse percorrido ao noso apoio a este conxunto que compite en LaLiga Genuine, a iniciativa de LaLiga dirixida a deportistas D.I.”.
O director de R, Alfredo Ramos, expresou a súa satisfacción por continuar dando pulo a esta alianza: “En R estamos moi satisfeitos de axudar, tempada tras tempada, a un proxecto que vai alén do fútbol. E sempre destacamos que o Celta Integra Zelnova bríndanos a oportunidade de impulsar valores como a solidariedade, o respecto, a deportividade e, sobre todo, a inclusión social. Revalidarmos hoxe esta colaboración é reafirmarmos a nosa convicción de que o deporte pode mellorar vidas e construír unha sociedade máis xusta e unida”.
Pola súa banda, Germán Arteta, director da Fundación Celta, salientou a importancia desta relación continuada: “Agradecemos a R o seu apoio constante e a súa implicación incondicional. A súa colaboración foi decisiva para reforzar a visibilidade do noso proxecto e para impulsar iniciativas que fomentan o desenvolvemento persoal e social dos nosos xogadores. Este compromiso inspira a seguir medrando e a avanzar cara a un deporte cada vez máis inclusivo e diverso”.
Rubén Martínez, membro do padroado da Fundación Celta, insistiu tamén no impacto humano do acordo: “ O maior desexo destes mozos e destas mozas é gozar do fútbol, e proxectos como o Celta Integra Zelnova fan que ese soño sexa realidade. O apoio de R axúdanos a manter viva unha iniciativa que, ademais de deportiva, ten un enorme valor social. Oxalá sigamos camiñando xuntos moitos anos máis”.
Presenza de R na competición
Durante a tempada 2025-26 de LaLiga Genuine, o logotipo de R seguirá presente no equipamento oficial dos xogadores e do corpo técnico (manga dereita e peito), así como na web do Celta Integra Zelnova. “Esta visibilidade”, engadiron, “reflicte o compromiso compartido por ambas as dúas entidades de impulsar a mellora continua e o desenvolvemento social, neste caso dos/as xogadores/as do colectivo D.I. que compoñen o equipo”.
