R sitúase á cabeza da Internet fixa nun estudo de nPerf

xoves, 30 de abril do 2026 Redacción

R acadou, xunto co resto de marcas de MasOrange, a mellor puntuación global no último barómetro de nPerf sobre conexións fixas en España, consolidando así o liderado no rendemento global por segundo ano consecutivo. O informe destaca especialmente os resultados en latencia, navegación web e streaming de vídeo, ámbitos nos que a operadora obtén rexistros destacados.
A puntuación total sitúase en 135.819 puntos, nun escenario marcado pola competencia entre os principais operadores do mercado estatal. A latencia, cun valor de 20,26 milisegundos, convértese nun dos indicadores máis salientables, ao favorecer usos avanzados como os xogos en liña, as videochamadas ou as aplicacións en tempo real. A isto súmanse o primeiro posto en navegación web, cun 77,92 %, e o liderado en streaming de vídeo en YouTube, cun 84,63 %, acadado por primeira vez.
Os datos tamén subliñan o rendemento da conexión Wi-Fi, con baixos tempos de resposta que melloran a experiencia diaria dos usuarios, especialmente en contornos esixentes. Este conxunto de resultados reforza a percepción dunha rede equilibrada e fiable.
En Galicia, R mantén a súa posición como operador con maior cobertura de banda larga fixa, apoiada nunha infraestrutura de fibra óptica de última xeración que alcanza máis de 1,7 millóns de fogares nos 313 municipios da comunidade. Esta implantación permite ofrecer servizos de alta velocidade á práctica totalidade da poboación galega.
Alfredo Ramos, director de R e responsable territorial de MasOrange en Galicia, salientou que «este recoñecemento do grupo nPerf á nosa rede fixa por segundo ano consecutivo demostra a solidez e fiabilidade da nosa infraestrutura e o esforzo continuo por lles ofrecer a mellor experiencia posible nos usos máis esixentes aos nosos clientes, dende o traballo en tempo real ata o entretemento dixital».