RIM pasa a chamarse BlackBerry no seu compromiso pola renovación da súa plataforma móbil
mércores, 30 de xaneiro do 2013
Esta tarde RIM presentou oficialmente a plataforma
BlackBerry 10 da man do seu presidente e director xeral, Thorsten Heins, que amosou
moitos dos detalles do novo sistema operativo móbil e os 2 primeiros
smartphones da nova xeración da compañía canadense que deixará de chamarse
Research In Motion para adoptar o nome BlackBerry, como sinal do compromiso da
empresa para recuperar o terreo perdido.
Coa plataforma BlackBerry 10 estrease o BlackBerry Hub, un centro de
comunicacións que unifica as comunicacións persoais de xeito que facilita a
administración das mensaxes de texto, o correo electrónico e as contas en redes
sociais, sen ter que andar a saltar entre aplicacións. O sistema operativo
tamén mellora considerablemente o teclado en pantalla, que adáptase a distintos
tipos de uso, buscando así manter o liderado da mellor plataforma para a
introdución de texto, e tampouco faltan solucións como BlackBerry Messenger,
que agora integra
chat de vídeo e compartición de pantalla, o que resulta moi interesante tanto
para compartir e revisar documentos e presentacións con compañeiros de traballo
como para compartir imaxes e vídeo con amigos.
Con BlackBerry Flow a experiencia de BlackBerry 10 consegue que as aplicacións flúan dun xeito perfectamente integrado,
de xeito que, por exemplo, durante unha xuntanza podemos seleccionar a un
asistente para ver o seu último tuit
ou revisar o seu perfil de LinkedIn.
Outra tecnoloxía integrada na nova plataforma é BlackBerry Balance, que permite
separar as aplicacións e datos profesionais dos persoais nun mesmo dispositivo.
Tampouco faltan aplicacións
para modificar e aplicar filtros a imaxes e un editor de
vídeos, demostrando así que BlackBerry xa é un sistema moderno que pode
compararse co resto de plataformas de smartphones, para o que igualmente
contará con aplicacións de referencia como WhatsApp, Skype, Kindle ou Angry
Birds, polo que moitos usuarios poderían non ter medo a atreverse a saltar a esta
plataforma que estréase cunha 70.000 aplicacións e grande entusiasmo por parte
dos desenvolvedores (quedando agora por ver cal é a reacción do público, tanto
particular como profesional).
Para adaptarse a distinto público, BlackBerry
10 estréase con 2 terminais de referencia, o BlackBerry Z10, con pantalla
táctil de 4,2 polgadas cunha resolución de 1.280 x 768 píxeles e o BlackBerry
Q10, co pantalla de 3,1 polgadas e teclado QWERTY (para satisfacer aos usuarios
que continúan a demandar o teclado físico característico de BlackBerry, aínda
que posiblemente non o vexamos nas tendas ata o mes de marzo).
Cómpre lembrar que o BlackBerry Z10 é un terminal que está na liña dos últimos
smartphones doutras plataformas (como Android ou Windows Phone 8) que chegaron
ultimamente ao mercado, non só polas súas dimensións, senón tamén polo resto de
prestacións, pois funciona cun procesador Snapdragon S4 Plus de obre núcleo
a 1,5 GHz, 2 Gb de RAM, Bluetooth 4.0, NFC, Wi-Fi N, cámaras de 8 e 2 Mpíxeles,
microHDMI e unha batería de 1.800 mAh, que contén o seu grosor nos 9,3
milímetros e o seu peso nos 138 gramos, que esta mesma semana chega ao mercado
en cor negra e que máis adiante estará dispoñible en branco. Temos así un
smartphone que a moitos pode lembrar ao deseño do iPhone 5, pero coas
dimensións físicas dun móbil con Android de tamaño medio.
A tenda de aplicacións
BlackBerry World tamén se actualiza, seguindo os pasos de Google Play, de
xeito que agora, aparte de aplicacións móbiles, tamén venderá música, cine e
series, aínda que os novos contidos non están dispoñibles en todo o mundo (polo
momento a España quedamos sen os contidos de cine e televisión).
Tamén resultou rechamante na presentación de hoxe que ao escenario sumásese a
Thorsten Heins a artista Alicia Keys, que pasará
a ocupar o cargo de dirección creativa global de BlackBerry, no que agardan
que sexa unha relación a longo prazo con BlackBerry, o que contrastou co feito
de que as
últimas mensaxes de Keys en Twitter dende o móbil procedesen dun iPhone.
BlackBerry non só apostou pola cantante norteamericana, senón que tamén estreou
un vídeo promocional no que facían acto de presenza o director de cine Robert
Rodríguez e o guionista de comics Neil Gaiman, dando a impresión de que buscan
asociar á nova plataforma móbil coa creatividade para rabuñar clientes a Apple.
Vídeo dende o que destacan as posibilidades creativas de BlackBerry 10