Radio Picariña, unha nova canle musical infantil da Radio Galega

xoves, 21 de xuño do 2018 Marcus Fernández

A Radio Galega está a estrear a súa primeira canle dixital de música infantil e xuvenil, Radio Picariña, que baixo a marca Xabarín pon a disposición dos seus usuarios unha selección dun milleiro de cancións de lingua galega para os pequenos, que poderán gozar desta listaxe de reprodución tanto dende un ordenador persoal como a través de dispositivos móbiles, podendo escoller en cada momento a canción que queren escoitar.
A xefa de Servizo de Xestión Operativa de Programas da Radio Galega, Tania Fernández Lombao, asegura que «este é o primeiro paso que marcará o camiño do futuro das emisoras públicas de Galicia. Todo iso, combinado coa emisión por FM de Radio Galega Música, dotada de nova programación desde febreiro de 2018, con programas especializados en rock, pop, jazz, folk e música clásica».
Esta iniciativa vai na liña de renovación das emisoras musicais da CRTVG, que buscan conectar co público novo, e estaría enmarcado «nun proxecto de futuro, de marcado calado cultural e relacionado coa captación de novos públicos».

PUBLICIDADE