Radioplayer achega os contidos da principais emisoras de radio de España

martes, 29 de outubro do 2019 Marcus Fernández

A Radio Galega lidera a chegada de Radioplayer á nosa comunidade autónoma

Para atender á demanda de contidos por parte dos 24 millóns de persoas que escoitan a radio en España chega unha nova aplicación dispoñible vía web e dispositivos móbiles (para Android e para iOS) que podemos descargar de balde e que ofrece tanto as emisións en directo das principais emisoras de radio do Estado, como boa parte dos seus contidos á carta.
Radioplayer España estréase con máis de 300 emisoras (entre as que non faltan Radio Galega, Radio Galega Música, Son Galega Música e as emisións galegas de Radio Nacional, Onda Cero a SER ou a COPE), e unha sinxela interface que permite seleccionar as nosas emisoras favoritas para axilizar a súa reprodución, á vez que tamén permite a exploración de emisoras por categorías.
A aplicación de Radioplayer é compatible con Google Cast, Android Auto, Android Wear, Chromecast, Apple CarPlay, Apple AirPlay, Apple Watch e conexións Bluetooth, e ofrecerá integración con altofalantes con Alexa e equipos certos equipos de alta fidelidade (Sonos e Bose), á vez que tamén está presente nas interfaces de radio híbridas de numerosos automóbiles de Audi, Volkswagen e Porsche (que reciben sinais tanto da FM como da Internet).
Radioplayer é unha plataforma tecnolóxica de radio, sen ánimo de lucro, creada por operadores de radio británicos, que espallouse a outros países como Noruega, Bélxica, Austria, Irlanda, Canadá, Suíza, Dinamarca, Alemaña e Perú.

PUBLICIDADE