Rakuten merca Viber por 900 millóns de dólares

venres, 14 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

A xaponesa Rakuten, xigante do comercio electrónico con presenza en España dende hai poucos meses, anunciou a compra da compañía especializada en mensaxería instantánea e voz sobre IP Viber, nunha operación por un valor total de 900 millóns de dólares (656,98 millóns de euros) o que supón un importante avance no sector dos contidos dixitais (como ao facerse con Wuaki.tv hai máis dun ano).
Actualmente Viber é unha das grandes alternativas a Skype e WhatsApp, facilitando o intercambio de mensaxes entre dispositivos móbiles (sendo tamén compatible con equipos de escritorio) e a realización de chamadas de balde a través de VoIP, que conta cunha base de 300 millóns de usuarios rexistrados (cun impresionante incremento de usuarios do 130% en 2013), co que Rakuten agarda mellorar a súa penetración en novos mercados e converterse nunha das empresas de servizos na Internet líderes a nivel mundial.
Dende Viber aseguran que a súa adquisición por parte de Rakuten supón “unha incrible oportunidade para Viber para mellorar o noso rápido crecemento de usuarios en mercados tanto novos como existentes”.