Realidade Virtual e robótica únense nunha contorna creada por enxeñeiros da UVigo para a rehabilitación médica

martes, 27 de febreiro do 2024 S. P.

O Grupo de Investigación Enxeñaría Eficiente e Dixital (EN.EDI) da UVigo vén de desenvolver unha contorna virtual para a rehabilitación médica integrando realidade virtual e robótica co asesoramento e validación do Servizo de Medicina Física da Área Sanitaria de Vigo.
Estamos a falar do proxecto europeo VIRTUAL R3, Virtual Reality in Robotic movements assistance for Rehabilitation, Realidade virtual na asistencia de movementos robóticos para rehabilitación. VIRTUAL R3, “que está enmarcado dentro do proxecto EMIL, European Media and Inmersion Lab, promovido polas universidades Pompeu Fabra (Barcelona), Aalto (Finlandia), Bath (UK) e a Academia de Cinema Filmakademie Baden-Württemberg (Alemaña) e que abrangue diferentes aspectos e enfoques da realidade virtual”, explica o docente e IP do proxecto, Julio Garrido Campos.
Doentes con distintas necesidades terapéuticas son os e as destinatarias deste prototipo que ten como finalidade crear unha contorna virtual para realizar exercicios de rehabilitación de membros inferiores máis eficaces, agradábeis e motivadores para as e os pacientes.
Entre xaneiro de 2024 e abril de 2025, os investigadores do grupo EN.EDI, que participan no proxecto VIRTUAL R3, traballarán no desenvolvemento e construción dun prototipo plenamente operativo co que os e as pacientes poderán realizar exercicios de rehabilitación, integrando realidade virtual e mixta e robótica CDPR (Cable Driven Parallel Robots), contando co asesoramento do Servizo de Medicina Física e Rehabilitación da Área Sanitaria de Vigo en aspectos médicos, así como para a validación de solucións.
Cun orzamento de 268.400 euros, financiados polo programa europeo Horizon, o desenvolvemento de VIRTUAL R3, na súas vertentes investigadora e tecnolóxica corresponderá, de xeito autónomo, ao grupo de investigación da UVigo, aínda que dentro do consorcio formado polos socios do proxecto EMIL, con cuxa colaboración poderán contar, caso de ser preciso. Engadir que o proxecto foi un dos 12 elixidos nunha convocatoria que recibiu 136 propostas de toda Europa.
Tanto a realidade virtual, como os Robots por Cables ou CDPR, que teñen a peculiaridade de que, mediante fíos (cables) controlados individualmente, poden mover un elemento terminal no que conflúen un dos extremos de todos os cables, son dous recursos que se empregan en rehabilitación. A realidade virtual facilita a comunicación ao doente dos exercicios que debe realizar, “facendo un sistema máis inmersivo de xeito que o traballo, neste amplo espazo ofrecido polo CDPR, sexa máis intuitivo e motivacional para o usuario, que poderá moverse asistido polo robot mentres a contorna virtual cambia ou o conduce, por exemplo, por un camiño na natureza”, detalla Julio Garrido, que sinala como un dos retos do proxecto a interacción en tempo real entre o robot, o procesador de realidade virtual e a captación dos impulsos do paciente, “unha parte importante para que a inmersión virtual sexa efectiva”, asegura.
De falarmos da realidade mixta, con ela é posíbel combinar o escenario real con obxectos agregados (indicadores virtuais de altura ou marcas de paso virtuais) que indiquen a ruta a seguir ou accións a realizar como saltar ou agocharse.
Por último, sinalar que este é o primeiro proxecto que o grupo EN.EDI desenvolverá no eido da sanidade, Garrido salienta que levan varios anos desenvolvendo os seus propios robots paralelos no grupo de investigación e, en concreto, investigando en Robots por Cables ou CDPR.


PUBLICIDADE