Recoñecen a Xeopesca co Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con software libre

luns, 2 de decembro do 2013 Redacción

Inserido no Plan de Software Libre 2013 da Xunta atópase o Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con Licenza Libre 2013, que xa vai pola súa sexta edición e como anunciabamos hai uns días en Código Cero estaba a piques de elixir aos gañadores deste ano. A iniciativa en cuestión ten como obxectivo mellorar e potenciar os mecanismos de formación e difusión do software de fontes abertas entre a cidadanía galega, indo á procura do achegamento dos universitarios galegos ao software libre. Emporiso, dos seis proxectos presentados ao premio, o xurado seleccionou 4 finalistas, obtendo o Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con Licenza Libre 2013 o proxecto Xeopesca de Pablo Belay.

Pablo Belay, gañador da convocatoria


Trátase dunha aplicación web que crea un rexistro das faenas pesqueiras asociándoas ás variables meteorolóxicas e xeográficas que máis inflúen no comportamento dos seres mariños, de grande valor para os patróns dos barcos, que saberán cales son os puntos con maior probabilidade de pesca segundo as condicións meteorolóxicas de cada día. Este recoñecemento ten unha dotación económica de 1.500 euros, achegados polo Consorcio para o desenvolvemento de Aplicacións para a Xestión Universitaria (CIXUG) dentro do convenio de colaboración que mantén coa AMTEGA. Un segundo premio foi concedido a Esperanza Natalia González polo proxecto Abioxénese, cunha dotación económica de 750 € achegados pola Asociación GPUL, trátase dunha instalación interactiva do ámbito das belas artes que responde aos movementos do espectador xerando visuais e música segundo ditos movementos.

Esperanza González, gañadora do accésit

Tamén houbo finalistas, Antía Puentes Felpeto, que presentou ao galardón o Verificador de Accesibilidade Web e Eutelo Pena Barreiro co seu sistema de Control mediante movementos faciais.
O xurado estivo composto por Susana Ladra González (vicedecana de Organización Académica da Facultade de Informática da Universidade da Coruña); Jose Varela Pet (da Universidade de Santiago de Compostela); Francisco Javier Rodríguez Martínez (da Universidade de Vigo); Emilio José Padrón González (representante da Asociación de Programadores e Usuarios de Linux, GPUL); e dous representantes da AMTEGA, Juan Víctor Rodríguez Aros e Roberto Vieito Raña.
Dada a orientación deste premio aos estudantes do Sistema Universitario Galego, a AMTEGA conta coa colaboración da Oficina de Software Libre do CIXUG e integra a todos os axentes do ecosistema do software libre galego. Así, para a organización e difusión do premio cóntase coa achega económica da asociación GPUL, coa colaboración da a Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL), e das asociacións galegas de usuarios de Software Libre GALPon, Ghandalf, GPUL, Melisa e Trasno.

PUBLICIDADE