Recoñecen a falsidade das contas de GOWEX
luns, 7 de xullo do 2014
GOWEX, a compañía española que ofrece redes Wi-Fi de balde
por todo o mundo dende hai 15 anos, que tiña como obxectivo chegar a 600
cidades para 2018 e que presumía duns ingresos de 182,6 millóns de euros en
2013, veu como un comunicado de Gotham City Research poñía en dúbida os seus
datos económicos e valoraba o prezo da súa participación en 0 euros, por
considerar que o 90% dos ingresos da compañía son ficticios, establecendo
unha comparación co caso Pescanova, o que provocou un grande descrédito
para GOWEX, que publicou unha
nota de prensa na que defendía as súas cifras de negocio, o que non foi
suficiente para manter a farsa, e finalmente tivo
que saír o presidente da compañía, Jenaro García Martín, a confesar a “autoría
desta falsidade”.
García Martín presentou a súa dimisión á cabeza da compañía especializada na
creación de redes Wi-Fi cidadás e admitiu que a empresa non pode facer fronte
ás débedas contraídas. O presidente de GOWEX sería o principal responsable da
falsidade nos números da compañía durante, cando menos, os catro últimos anos
de actividade, o que provocou a perda de confianza no Mercado Alternativo Bolsista
no que a empresa cotizaba, por deixar en evidencia a súa falta de control (ocasionando
unha
caída das cotizacións das empresas en tal mercado de até un 23%).
A empresa ten que entrar agora en concurso de acredores voluntario, á vez que
se intentarán tomar outras medidas para preservar os intereses da compañía. Entre
as débedas da compañía destacan importantes cantidades achegadas de fondos
públicos, como 8,92 millóns de euros do ICO, 4,8 millóns do Ministerio de
Industria e 420.042 euros do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico
Industrial (Ministerio de Economía), aos que sumaríanse 6 millóns de euros do
Banco Europeo de Investimentos e o Fondo Europeo de Investimentos.
Os
propios traballadores manifestaron nun comunicado oficial estar “en estado de
shock absoluto”, pois non crían as denuncias de Gotham e confiaban nas
contas de GOWEX, polo que rexeitan toda ligazón coa fraude e aseguran que continúan
nos seus postos de traballos dando servizo aos seus clientes con normalidade,
aínda que entidades como Metro de Madrid xa anunciaron que cancelaban
o proxecto piloto co que GOWEX ía subministrar Wi-Fi aos usuarios do servizo de
transporte madrileño, servizo que sairá a concurso no futuro. Polo momento,
o único proxecto de GOWEX en Galicia, o da cidade de
Ourense, parece manterse con normalidade (o
contrato actual seguiría en vigor até 2016), non tendo adoptado o Concello
ningunha decisión ao respecto.
- Aínda que GOWEX leva moitos anos ofrecendo servizo de acceso á Internet sen fíos cun funcionamento aceptable, a contabilidade da compañía estaba manipulada, convertendo a esta startup nunha grande promesa que resultou ser falsa.