Redegal adapta a súa tecnoloxía GPS para a recollida de lixo da Deputación de Ourense
venres, 25 de maio do 2012
A empresa galega Redegal, da que falamos hai
pouco para dar conta da súa nova sede de operacións en Vigo, vén
de presentar unha nova aplicación dunha tecnoloxía de seu, aplicación que
salienta polas vantaxes profesionais e de localización que pon en xogo. Neste
caso concreto, para os operarios do servizo de recollida de lixo da Deputación
de Ourense, que, en virtude dun sistema GPS desenvolvido por Redegal, poderán
coñecer en tempo real o emprazamento exacto de cada vehículo, o gasto de combustible
ou de rodas ou as paradas efectuadas en cada itinerario.
A aplicación, que segundo apunta Redegal é totalmente
innovadora na nosa terra, vai pola súa primeira fase de integración e posta en
marcha. A segunda fase completarase “coa instalación
da medición telemática dos propios colectores que fornecerá de datos como o
contido en quilogramos de cada un deles ou a data do baleirado máis recente”.
O sistema, ademais, achegará melloras importantes no servizo e servirá, tamén,
para a optimización das rutas, cousa que repercutirá nunha redución das
distancias e nun menor índice de gasto de combustible. O servizo, xa operativo
en tódolos vehículos da Deputación destinados ao devandito fin, foi presentado
esta mesma semana no parque empresarial de Xinzo de Limia.
